Opinión

Adolescencia e 25 N

A portada do xornal dá un golpe na mesa coa contundencia do dato: un terzo das mulleres galegas sofre violencia de xénero. Os informativos completan as estatísticas, recollen testemuños, as vítimas expóñense e relatan a violencia. A voz rota. A vontade firme. Vestimos de loito polas mulleres asasinadas. Entre nós atopamos quen elixiu para hoxe cores que resaltan na súa claridade. O vermello do sangue. Nesta data, aínda hai quen negue a realidade contrapoñendo excepcións que non coñece. Contra iso envorcamos no proxector os datos das estatísticas oficiais. Os casos de risco alto ou extremo. Os fogares vulnerábeis con menores ao cargo. Alguén chora. Talvez haxa unha voz que relate os detalles do maltrato coa inocencia da cotidianeidade. Porque elas e eles tamén son parte das estatísticas. A concreción dun número frío.

Construín un espello de retallos de realidade en que non sempre se recoñecían.

Eu dixen: os xulgados galegos reciben cada día 17 denuncias por violencia de xénero. Case a metade das que me oían negábanse a crer tal dato. Demasiadas. Entón, se non chegan todas ao xulgado, cantas son? Demasiadas.

Eu dixen: hai homes que abusan do seu posto na empresa para acosar sexualmente ás mulleres que traballan con eles. Case todas, case todos estiveron de acordo.

Eu dixen: quince millóns de nenas adolescentes de 15 a 19 anos experimentaron relacións sexuais forzadas en todo o mundo. E estiveron de acordo.

Pensei, concordan porque coñecen algunha moza que foi abusada, agredida, violada... nun corredor solitario, nun parque á noitiña... E lembrei a outras adolescentes que compartían o relato dunha violación nos bancos da aula da facultade, un luns, despois dun sábado en que alguén a quen coñeces devén agresor, con ou sen alcol, sempre sen motivo. Adolescentes sobadas nunha butaca de discoteca, confusas, inmobilizadas pola incredulidade, preguntándose que estaba a suceder, aprendendo a normalizar esa violencia.

E xa son demasiados anos normalizando a violencia.

Comentarios