Opinión

Aconfesional?

Nun bar de Ourense con menú do día sentou ao noso lado un matrimonio novo con dous cativos. De alí a un anaco o pai explicaba ás criaturas que era aquela construción estraña sobre piares que chamamos hórreo. O normal. Mais cando aínda non pasaramos a sobremesa, comezamos escoitar algo que nos preocupou. A pequena, para se entreter, andaba a ler un libro coa axuda dos pais. Coma quen le o conto dos tres porquiños ou de Sabela e o xigante.

Mais o contido do conto foi o que nos deixou estupefactos. Debía ser algo semellante ao catecismo, e onde outros lerían que Sabeliña fuxiu agochada co pelexo dunha ovella, eles falaban da crucifixión e a resurrección de Cristo. E nós tiñamos que escoitalo si ou si. E marchamos máis rápido do que quixeramos e incómodos do alarde católico.

De volta na casa, mentres andaba a recoller a louza na cociña, quedei paralizada diante do televisor polo descaro co que o presentador do telexornal nos lembraba que ían transmitir en directo a procesión da noite e nos aseguraba de que se quedabamos vela había de nos gustar... Como? Pois igual ca nas redes sociais corporacións enteiras presumen con nutridos álbums de fotos de ter asistido á misa e á procesión.

A sensación é que estamos ante un proceso de exhibición intencionado que entendo como unha pretensión de marcar o territorio, case como se fose necesario deixar constancia de que o "aconfesional" da Constitución do 78 é un eufemismo de "católico" con políticos baixo palio. Porque ao final é o que é, relixión na escola, na rúa, nos medios, no concello... 

E o revestimento de oferta turística co que se vernizan capirotes e rosarios ten moito disto, de normalización dese tremendismo das imaxes e dos pasos. Baixo o pretexto do reclamo turístico que enche hoteis e restaurantes, normalizamos ritos que, nalgúns casos, teñen máis de película de terror ca de práctica cristiá. Polo menos iso foi o que sentín eu de cativa unha noite en Zamora, cando aqueles homes se golpeaban até se facer sangue.

Comentarios