Opinión

A poesía galega

A admiración pola poesía galega é unha realidade que se remonta ao pasado, sexa este afastado ou recente. Unha admiración que no ovetense Gamoneda dá lugar ao uso da nosa lingua no breve, mais intensísimo ensaio “Fonación, palabra e escritura, pensamento poético”, en que o galego é de novo koiné literaria, como foi en tempos de normalidade lingüística.

Mais a repercusión da nosa poesía alén da fronteira da lingua galega non é directamente proporcional á súa importancia. O que mencionei é a reacción dun lector esperto (tamén experto), que podería multiplicarse exponencialmente se quen ten o cometido de normalizar a nosa lingua fixese o seu traballo.

Así as cousas, seguimos precisando do espelliño máxico do centro xeográfico da Meseta para sabernos relevantes e potentísimas. Non son as primeiras, mais que impacto poderoso que unha poeta de noso recunque co título de poesía maior do Estado, colocando a nosa lingua por diante das  outras, un ano, beizón Pilar Pallarés, e outro, beizón Olga Novo. E por se non abondase para celebrarmos este día das escritoras, outra galega, beizón Alba Cid, acada o de poesía moza.

Somos vangarda.

Viva a Xustiza poética das casualidades que, ademais, manda esta mensaxe en semellante data. Visibilizar as escritoras é necesario, urxente se realmente temos vontade de cambiar esta sociedade patriarcal en que, a pesar de sermos a metade ou máis da poboación e estar sobradamente preparadas, seguimos a ter enriba o teito de cristal sobre o que caen as estatísticas que demostran que, malia todo, seguimos estando en inferioridade de condicións. Por iso crearon un día das escritoras no Estado español, porque como declaraba hai catro anos Laura Freixas: “as mulleres... son ignoradas nas listas dos mellores libros do ano, os programas culturais ou os estudos...”

Visibilizar as escritoras é xusto e mellorará o mundo en que vivimos. Visibilizar as escritoras faranos libres, afoutas, persoas decididas a construír e compartir unha sociedade mellor.

Comentarios