Opinión

A mesma violencia

Comeza un novo curso e segue a mesma violencia.

Así resumo o que sinto nestas horas, que tamén son de ilusión por volver transmitir todo o que me apaixona. Mais non podo obviar este doloroso interrogante que vai tomando forma mentres camiño cara a unha aula: como combaterei a violencia? Con que ferramentas? Porque sei, como todas sabemos, que non basta coa vontade e o traballo.

Programamos as actividades que entendemos máis interesantes, fixemos actos, participaron, explicamos, escoitaron ... e, aínda así, a violencia campa ás súas anchas e atopa soporte mesmo nas vítimas que non son quen de desprenderse dos sambenitos que os depredadores e a incomprensión lles botan enriba: "que ten de malo dicirlle guapa?, sempre nos tocaron o cu, pero mira como se viste que vai ensinando todo, déixase con quen ela quere".

Debería estar pensando nos contidos do curso e en novas e máis atractivas ferramentas, mais penso nestoutro, porque a realidade me supera. Porque sei que a violencia segue a ter amparo en todas as xustificacións compasivas, "son rapaces", e na tolerancia de hábitos que non se analizan debidamente, cando sería tan doado como reparar no iceberg da violencia e fixar na memoria onde enraíza o abuso, o maltrato ou o feminicidio. Mais unha maioría das persoas coas que convivimos no traballo, na rúa, na familia pasan pola imaxe e consideran que non necesitan ler as palabras, analizar como se encadean os feitos, tomar conciencia. Cren que xa o saben todo. Ou pensan que todo isto é excesivo.

É unha moi particular guerra de clases. Uns porque non aceptan que o comportamento que herdaron poida ser cuestionado, que se poña en cuestión o seu lugar na escala social, a súa "liberdade" de acción. Outros porque non soportan que alguén abanee os piares da súa torre de marfil, ese lugar en que se miran ao espello porque saben que lles dirá que son os máis fermosos. Tamén porque non queremos asumir que, ás veces, somos parte dun problema que só se resolverá co compromiso de todos.

Comentarios