mércores 28/10/20

A lingua en campaña

Non parece que sexa unha preocupación central dos votantes se nos fixamos nos temas seleccionados para os debates, como o da TVG do pasado luns 29. Porén, para moitas persoas, o trato que recibe a nosa cultura e a nosa lingua é fulcral á hora de determinarmos o noso voto. De certo porque, como ben expresa o novelista Antón Riveiro Coello nun vídeo caseiro que publicou este xoves día 2, temos un país soñado e tomamos decisións coma o voto pensando en quen se achega máis a ese noso soño.

A maioría dos candidatos non adoitan falar da lingua, mais exprésanse nela, ou non, e iso xa é toda unha declaración de intencións. Fica claro cando o PP decide introducir o castelán nos anuncios de campaña, sen despeitearse, nunha máis que explícita mensaxe dirixida ao voto máis español, para que non se perda.

E logo está o oportunismo ou a manipulación dos que veñen agora poñendo o traxe dos máis galegos, buscando a polémica diante das cámaras, para obter gústames e ser compartidos nas redes sociais, pois a iso reducen a campaña e a súa posición sobre a lingua, mentres as organizacións en que militan, e non falo das políticas, dan as costas ao noso idioma xusto neste momento tan importante, cando é máis que evidente que cómpre un cambio das políticas lingüísticas na Consellaría de Educación. Un comportamento que non é novo, mais que agora tapan buscando a polémica.

Eu, como o autor de Laura no deserto, teño unha Galiza soñada e nela a lingua é o crisol en que se funden vontades e feitos, por iso non teño dúbidas, hai moito tempo que non as teño. Aos meus anos xa vin e comprobei quen falaba coma min, quen era da miña aldea soñada, quen fala de lingua e quen loita de verdade, máis alá da propaganda, polo que realmente importa: a nosa propia existencia.

Por sorte para nós, galegas e galegos, este soño está hoxe encabezado por unha muller que se de algo pode presumir é xustamente de perseguir esta Galiza soñada, esta nova Galiza que estamos tocando xa. Acadala está na nosa man.

comentarios