Opinión

A folga

Malia a maioría absoluta, sabían que habería oposición. Mais deberon calcular mal, se temos en conta como se derrubou o castelo de naipes. As mudanzas son consecuencia das mobilizacións feitas e da acollida que tivo a convocatoria de folga. Mais os cambios realizados non son mudanzas de rumbo. Nin a substitución de quen chegou como innovadora por un home do partido, nin as substitucións na cúpula de Educación. O novo goberno toma as rendas do Ensino dando un golpe de temón cara á dereita.

Pode parecer contraditorio, mais non o é. Vexamos por que. A primeira encomenda para o novo Conselleiro era impedir o éxito dunha folga que transcendía o ámbito laboral e era apoiada por anpas e alumnado. Primeiro convocou o Consello Escolar para trasladar unha imaxe dialogante e calmar os ánimos das familias. Mentres, asinaba no DOG uns servizos mínimos abusivos que impediron que o profesorado puidese exercer o seu dereito.
 
Esa foi a táctica, e dános a medida de como a folga segue a ser a máis potente das ferramentas pode usar a clase traballadora desde que se ergueron as pirámides. Romper a cadea de produción e pór en perigo os beneficios do capital é unha arma poderosa. Alguén dirá que o ensino non é unha cadea de produción, nin hai beneficios en risco. Si. Mais contradicir a normalidade que a Consellaría pretende trasladar e pór en evidencia ante a sociedade que non se están a adoptar todas as medidas necesarias, especialmente a de contratar máis persoal para poder reducir as ratios, é romper a súa cadea de produción... de mentiras. Mentres as autoridades sanitarias prescriben a redución de persoas en diferentes espazos, no ensino Infantil e Primario non se poden facer desdobres para manter as distancias. E en Secundaria? En Secundaria acaban de adiar o inicio de curso. Porque llo pediron os directores? Porque non van contratar novo profesorado? Para torpedear a folga?
 
Sexa cal for a resposta, a mobilización e a folga serán o único camiño para enfrontar este desleixo.

Comentarios