Opinión

A copla de Taibo

O galego que non fala
a lingua da súa terra,
nin sabe o que ten de seu
nin é merecente d’ela.

A primeira vez que escoitei a copla foi nunha canción do disco Isué de Mercedes Peón. Logo, investigando na poesía de Victoriano Taibo souben que era unha estrofa dun poema seu, en concreto o que pecha o libro "Da vella roseira. Cántigas orixinás", de temática e métrica popular, premiado e publicado en 1925.

Mais esa estrofa en concreto, a segunda copla do poema que se pecha cun tercetiño, debeu ter tal éxito, que comezou a circular de boca en boca e de texto en texto sen a sinatura do seu autor, até se facer popular, como tantas outras estrofas que sabemos e cantamos. Así o vemos, campando na portada do número 43 da revista Betanzos, editada polo "Centro Betanzos" en México, no ano 1948. Como letra popular cantouna Suso Vaamonde no mítico "Uah!", publicado naquel disco de 1975, Loitando. Tamén Xoán Rubia identificouna como popular e cantouna.

Así debeu chegar ás mans de Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, algo que descubrín estoutro día, con motivo do Día da lingua materna, cando Manrique Fernández compartiu a copla a través dunha imaxe tirada do libro Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra de un poeta valdeorrés, republicano e galeguista. O autor desta biografía, Ricardo Gurriarán, indica que os versos apareceron xunto co poema "Hino dos grupos galeguistas de Valdeorrras". Os dous poemas están incluídos no libro "Cancioneiro da loita galega", propiamente unha compilación de textos de diferente autoría, moitos deles con pseudónimo. E engade: "Isto fainos pensar que tamén era de Florencio este poema, aínda que non veña asinado". 

Cómpre recoñecer a fortuna desta copla, que correu voces e textos, ás veces atribuída ás máis diversas autorías. Mais igualmente cómpre fixar o nome do seu autor, o compostelán Taibo, para quen desde Gondomar, onde foi mestre e represaliado, reclamamos tamén un Día das Letras Galegas.

Comentarios