Opinión

8M pola paz

Unha vez máis as mulleres e os seus fillos vense na obriga de abandonar as súas casas e o seu país. Emprenden o éxodo na busca dun lugar en paz. Mais non sempre é a paz o que agarda do outro lado. Xa na primeira semana deste conflito, denúnciase que hai homes a aproveitarse da extrema necesidade das mulleres refuxiadas para prostituílas. Información que é posíbel cando se permite informar en liberdade e conciencia, e desde o terreo. 

A guerra hase cebar de novo coas mulleres que viñan sufrindo diversas violencias (ventres de alugueiro, prostitución, trata). As refuxiadas xuntan á traxedia do desarraigo a vulnerabilidade á que se ven sometidas por seren mulleres. Violadas, prostituídas, asasinadas.

Mentres mastigo a impotencia, penso en que estamos ás portas do 8 de marzo, por iso collo do andel o libro de Clara Zetkin e leo o seu Pola paz! escrito durante a que entón denominaron Gran Guerra. Nel chama ás mulleres a porse "à cabeça da guerra contra a guerra... É esta actualmente a primeira urgência, é este o papel histórico mais importante que possamos pretender". O artigo publicouse en 2015 no único número de Die Internationale, editado por Rosa Luxemburgo e Franz Mehrig, que chegou publicarse. 

A conmemoración do 8 de marzo no ano 1917 en Petrogrado é unha lección histórica. Tratábase de conmemorar o Día Internacional da Muller seguindo o acordo acadado na Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas de 1910 en Copenhague, proposto por Zetkin. As rusas saíron á rúa reclamando pan e o regreso dos homes da fronte de guerra. O esaxerado incremento dos prezos da enerxía e da comida, unidos á sangría da guerra, caldearon aqueles días e o seu berro de paz e república provocou un levantamento que faría caer o imperio ruso.

Nestas datas, cómpre volver ás reivindicacións de paz enarboradas polas mulleres hai un século. Parafraseando a Clara Zetkin en 1914, nas nosas fillas ten que poder arraigar a seguridade de que esta espantosa guerra será a derradeira.

Comentarios