Opinión

8-M, folga

Sería incríbel. Se o luns me vexo obrigada a traballar por mor duns servizos mínimos abusivos, veríame na delirante situación de atender aulas baldeiras en que o alumnado se suma a unha folga que a min me restrinxen a liberdade de facer.

Como denunciou a CIG, a Xunta está poñendo enriba da mesa uns servizos mínimos que nalgúns casos son do 100%, o que é o mesmo que negarlle a determinados sectores que teñan dereito á folga. Curioso que as limpadoras dun centro educativo teñan que ir todas a traballar por estar convocada folga e sexa necesario manter a limpeza, pero que ese mesmo rigor e vixilancia non se aplique cando unha traballadora está de baixa médica e non a substitúen inmediatamente. Varas de medir. Por outro lado, como puntualizaba Marga Corral, a demora na publicación dos servizos mínimos para a folga, convocada con máis dun mes de antelación limita o uso do noso dereito. É indignante.

O barullo xerado contra as mobilizacións do 8M hai xa un ano, segue a abouxarnos insidioso, semella que todo vale contra a loita feminista, todo para reter as mulleres na base da pirámide clasista sobre a que se sosteñen os seus privilexios.

Mentres seguimos soportando a fenda salarial, os recortes en políticas sociais e públicas que reverten sobre nós os coidados en xornadas infinitas e comprobamos alucinadas e escarmentadas que o paro está a se cebar en nós tamén. Despois de ser as maioritarias en traballos mal remunerados que soportaron en primeira liña a pandemia, oféndennnos negándonos a capacidade de organizármonos tan ben ou mellor cós cidadáns daquela capital que acudiron a un concerto ás portas da terceira onda da pandemia. Outra vez o rancio paternalismo que nos di como hai que facer as cousas, porque nosoutras, débiles mulleres que “eliximos” os traballos que temos, non sabemos saír á rúa soas.

Nosoutras coidadoras expertas, e mesmo amorosas, cando lle interesa ao patriarcado, sabemos como celebrar esas mobilizacións que tanto temen.

Ou será que tanto odian?

Comentarios