Opinión

500 euros

A táctica consiste en utilizar un sector social ou laboral para facer campaña, sen que a voz dese sector se escoite, co obxecto de crear no conxunto da cidadanía a impresión de que se está a resolver un problema.

Estou certa de que moitos pensan que ás familias que tiñan maiores nos centros de día non lles vai tan mal como podería parecer, van cobrar 500€ para pagar alguén que axude nos coidados.

Mais as cousas non son así tan doadas. Feixoo non tivo reparos en ofrecer cartos porque sabía que non ía ser tan sinxelo que as familias cobrasen. Un brinde ao sol. E mentres, maiores sen recibir os coidados terapéuticos específicos que precisan, mulleres esgotadas incrementando as súas xa múltiples xornadas, traballadoras en erte coa incerteza do que lles vén por diante, e centros de atención que xa saben que, cando volvan abrir, non van contar cos mesmos usuarios e isto significará destrución de emprego maioritariamente feminino.

Nun país coma o noso, cunha poboación maior tan numerosa, estamos a falar dunha necesidade urxente. Unha realidade que non é comparábel coa dos centros de ensino fechados, pois neste caso falamos de persoas que, en moitos casos, sofren deterioro cognitivo, un deterioro que se incrementa nesta situación.

E o candidato da dereita tapa o tema poñendo cartos na mesa, mais non para rescatar do erte as traballadoras que teñen o seu centro de traballo pechado, senón para contratar empresas de servizos que grazas a esta medida ven incrementada a súa carteira de clientes, uns clientes que terán que pór cartos do seu peto, para facer fronte ao novo gasto, pois os 500 euros só teñen vocación de ser unha “compensación”.

E os nosos maiores, despois dunha vida de traballos e sacrificios, merecen este presente? Merecen esta carencia de oferta para as súas necesidades? É digno o que agora teñen, escaseza de prazas e centros? Inexistencia dunha rede pública de servizos? Non.

E non nos van comprar con 500 euros, o papel moeda non nos vendará os ollos o 12 de xullo.

Comentarios