Opinión

28-M en galego

Regresamos da manifestación deste 17 de maio. Mentres na Radio Galega escoitamos o acto da RAG e ficamos emocionados polo relato que Alonso Montero deseña do encontro de tres horas entre Del Riego e Seoane no Vigo de 1949, rodeados de amigos como Maside, Laxeiro ou os irmáns Álvarez Blázquez, seguidos todo o tempo por dous policías, temos que ler a cartelaría en español que colocou o PP pola mesma estrada que conduce á Universidade de Vigo. É a mostra da súa falta de respecto pola lingua.

Por se non fose suficiente, este mesmo día, o candidato á alcaldía de Ourense deixa claro o seu desprezo pola lingua felicitando o día das letras en español.

O presidente da Xunta intervén no acto da Academia para dicir que o galego: "Achéganos unha riqueza expresiva adicional que non lógrase con outros idiomas", reducindo a nosa lingua a unha “riqueza expresiva” que, segundo o seu criterio e o do seu partido, nin sequera é prioritaria nin central. Adicional di... que é unha forma de negar que o galego ten que que estar por riba de calquera outra lingua en Galiza. E logo vén a couce ao idioma, ese pronome colocado de calquera maneira, xusto como faría falando en español, non si? En fin, que agardar de quen remata negando a realidade de que as galegas e os galegos non podemos vivir hoxe na nosa lingua propia e que a súa política lingüística converte as nosas fillas e fillos en usuarios dunha lingua allea, imposta con sangue e persecucións.

A min non se me borran da cabeza as palabras que lin no manifesto de Queremos Galego: "Reclamamos de todas as entidades locais que fagan visíbel o seu compromiso coa lingua galega". Talvez subín o volume de voz ao dicir isto en Vigo, a cidade en que nacín e que é a capital dos peores resultados para o galego, dirixida por un alcalde que nunca usa o noso idioma, aínda que o seu partido fale de conciliación da nosa lingua coas políticas municipais mentres posan para a foto na saída da Alameda.

Este 28M non podemos deixar de pensar na lingua.

Comentarios