Opinión

10 anos cara a onde?

O vindeiro 21 deste mes faranse 10 anos da segunda mobilización máis importante da historia recente de Galiza. Falo da folga xeral no ensino contra o que acabaría por denominarse Decreto de plurilingüismo. Ese día, profesorado, alumnado e outras moitas persoas preocupadas dirixímonos a Compostela e ateigamos a praza do Obradoiro.
Nos días, semanas e meses previos, desde aquel primeiro de abril de 2009 en que Núñez Feixoo tomara posesión da presidencia da Xunta, unha escalada de involucións anunciaban o que ía vir.

O curso escolar que comezou a seguir, setembro de 2009, facíao co abandono descarado da nosa lingua pola Consellaría, que, ademais de usar o español na propaganda sobre os libros de texto nos medios de comunicación, iniciaba, coa convocatoria dos premios de innovación, os recortes orzamentarios en materia de normalización que logo serían unha constante. Dez anos despois, o pasado setembro, os datos do IGE viñan corroborar o que todas e todos viamos con claridade, o descenso do uso da nosa lingua entre as xeracións máis novas, un descenso que viña acompañado do preocupante dato de que unha cuarta parte do alumnado declaraba non saber falar a nosa lingua.

Aquel 2009 rematou cunha contundente mobilización contra o borrador do Decreto de plurilingüismo que se facía público un 30 de decembro. Dez anos despois, hai algo máis dun mes, o Comité de expertos do Consello de Europa recomendaba textualmente: “Eliminar as restrición impostas ao ensino en galego a todos os niveis”.

O vindeiro 21 cumpriranse 10 anos daquela mobilización que advertía cara a onde nos levaba a política lingüística que o PP poñía en marcha. Nestes 10 anos, os ataques á lingua vestidos de recorte orzamentario por mor da crise e edulcoradas visións manipuladas da realidade pretenderon irnos vacinando aos poucos para converternos en calados espectadores que foxen do conflito.

Mais resistimos e o 21 lembraremos que estabamos, que estamos atentas, alerta e en loita. Pola nosa lingua.

Comentarios