Opinión

É posible ser cristiá e feminista?

Baixo o lema 'Ata que a igualdade sexa costume' alzamos a nosa voz e propoñemos unha revolta de mulleres na Igrexa que se manifeste nunha folga de mulleres o día domingo 1 de marzo

A pregunta fíxoma Lorena Conde cando a compañía A Feroz estaba a artellar a montaxe teatral Santa Inés. E a afirmación debera ser obvia, pois o feito cristián xurde tendo como distintivo constituírense como comunidade de iguais. “Xa non hai xudeu nin grego, escravo nin libre, home nin muller, porque todos somos un en Cristo Xesús”, afirmaba Paulo na sociedade xudeu-romana do século I. No bautismo esa igualdade queda patente cando todas somos unxidas como sacerdotes, profetas e reis, pero para as mulleres, a partir do século IV, ese xesto foi quedando só niso, nun xesto. Ós poucos fomos apartadas dos lugares onde se tomaban as decisións e relegadas na representación da presenza de Deus na comunidade.

A estrutura eclesial construíuse sen mulleres no marco da sociedade feudal, pero elas non desisten e van desenvolvendo maneiras propias de ver e entender a Deus. A mística feminina fornécese da experiencia das mulleres, marcada pola corporeidade como lugar de encontro coa Transcendencia. En paralelo aos discursos misóxinos que a autoridade eclesial elaboraba e propagaba, as mulleres reais construíron Igrexa non dende a submisión, senón dende a afouteza, circulando por vías alternativas, debruzando para todas novos camiños de espiritualidade, poñendo dende a fe palabra e obra na vindicación dos dereitos das mulleres, propoñendo novas formas de solidariedade e espiritualidade, sendo luz para outras mulleres e homes que nelas aprenderon e aprenden novos xeitos de expresar a mística e o compromiso cristián.

Hoxe recuperámolas con toda a súa forza da man da teoloxía feminista, unha teoloxía que se inicia en paralelo ao movemento sufraxista e que cada día, amais de recuperar as voces das mulleres, redefine e resitúa a Tradición e a Revelación limpándoa de rexoubas patriarcais.

Dende a amplitude de mira que nos dá o feminismo é patente que a Igrexa hoxe exerce violencia contra as mulleres: violencia estrutural cando nos impide formar parte dos órganos de decisión e goberno, violencia simbólica, cando constrúe modelos de muller misóxinos e nos nega o acceso aos espazos sagrados por ter corpo de mulleres, violencia directa, ao ocultar os datos de violencia de xénero exercida polos homes que ostentan o poder.

Así o denunciamos moitas veces dende Mulleres Cristiás Galegas Exeria (www.exeria.org), sen deixar de crer na Igrexa entraña de misericordia, presenza de resurrección que endereita os que dobran, que non apaga as faíscas que aínda fumegan. Soñamos unha igrexa comunidade de iguais, prefigurada na muller que barre toda a casa buscando a moeda perdida, e querémola cambiar dende o amor, do mesmo xeito que o pai buscaba a re-dignificación do fillo estragador.

Por iso, neste mes de marzo de 2020, recollendo o chamado do Consello de Mulleres Católicas (CWC), que promove a acción Voices of Faith (www.voicesoffaith.org), as diferentes asociacións de mulleres crentes feministas, baixo o lema Ata que a igualdade sexa costume, alzamos a nosa voz e propoñemos unha revolta de mulleres na Igrexa que se manifeste nunha folga de mulleres o día domingo 1 de marzo. 

Entre os días 1 e 15 de marzo haberá actos reivindicativos diante das catedrais de Barcelona, Madrid, Valencia, Zaragoza, Sevilla, Granada, Bilbao, Frankfurt, Colonia, Lindburg, Munich, Zurich, Linz, Munbai, Cincinaty, Milán ou Sidney. En Galicia, para non interferir cos actos convocados polas plataformas feministas galegas, faremos a nosa celebración reivindicativa o sábado 14 de marzo, ás 12 horas, diante da porta Santa da Catedral de Santiago.

As mulleres crentes sentimos que os tempos son chegados. Queremos que todo o Pobo de Deus se decate de que hai outra maneira de ser Igrexa volvendo ás orixes da praxe de Xesús de Nazaret. Vimos de lonxe e somos moitas as que dicimos abonda xa!, as que estamos dispostas a imaxinar e construír unha nova igrexa paritaria, en igualdade e diversidade, máis plural e menos xerárquica, na que os liderados sexan compartidos, que acompañe sen xulgar, na que poder descubrir as sementes do Reino camiñando cara a un futuro novo no que a igualdade sexa costume.

Comentarios