Opinión

De tanto empacar sardiñas

As fábricas conserveiras, unha industria mantida por mulleres que traballaban na casa, na terra e deixaban a vida na fábrica.

Vén de pasar o Día da Muller Traballadora, e que mellor forma de reivindicalo (que non felicitalo) que falando da industria feminizada por antonomasia no noso país: as fábricas conserveiras. Unha industria mantida por mulleres que traballaban na casa, na terra e deixaban a vida na fábrica; que foi reflexo dun pulso entre a sociedade tradicional e a industrial botado sobre o corpo de mulleres que realizaban os traballos que se esperaban delas en cada unha desas realidades.

A implantación da industria conserveira en Galicia e o papel que as mulleres tiveron nela está documentado en publicacións de todo tipo, pero non pasa o mesmo coa música que as traballadoras interpretaban. Existen algunhas investigacións, como a que presentou Marilú Campos nunha charla-obradoiro moi interesante (de libre consulta na páxina de Facebook da Asociación de Gaiteiras Galegas) sobre a utilización das latas de conserva como instrumentos de percusión para acompañar o canto e o baile nos descansos das fábricas. A investigación da continuidade das músicas tradicionais en contextos industriais, especialmente na primeira metade do século pasado, axuda a derrubar o -aínda vixente- pensamento romántico de que calquera tempo pasado foi mellor, máis auténtico e máis digno de se preservar. E ademais, supón unha fonte de información á espera de ser descuberta.

Hai unhas semanas, por exemplo, atopei na casa un disco (Cangas: cantares do mar e do lar) editado no 2003 por Frigoríficos do Morrazo e baseado na investigación e traballo de campo de Eva Julián, quen ademais realiza as gravacións e masterización. O disco é unha escolma de cantares de homes e de mulleres que retratan a vida dunha vila mariñeira de mediados do século pasado: cantos de taberna -por suposto, masculinos-, cantos de berce, cantos infantís, música coral, aguinaldos, cantos de Nadal... Dende unha perspectiva feminista, o disco é unha mina. Por unha banda, atopamos a banalización da violencia machista con coplas que van dende o xocoso "los marinos noruegos anhelan del hispano terreno pisar un recuerdo llevar de vosotras y despues navegar, navegar" ó explícito "aínda mo dixeron vindo do baile de Hermelo que che palparon as tetas e mailo refaixo negro"; pasando polo clásico, pero non por iso menos violento, "o patrón botoume fóra e non foi por cousa mala, foi por mollar a pluma no tinteiro da criada".

Por outra banda, temos letras que denuncian a desigualdade e advirten dos perigos de nacer muller. Hai que ter moi pouca empatía para que non se che encolla o estómago escoitando cantar a esas mulleres que "nesta fábrica, Massó, me estou deixando a vida; de tanto empacar sardiñas teño as manciñas perdidas; e cando pasa Manuel e nos atopa charlando, ponse moi colorado, leva unha hora chillando". Ou que "trabajaba de operaria en un taller muy nombrado pero un día el encargado pretendió, y como no quise yo de aquel hombre ser amante, en la calle el muy tunante me plantó". Ou aquel outro romance que di "aquel verdugo con ira y con saña sobre su hermana se abalanzó dándole un tiro en la frente que la cabeza le destrozó (...) Él le contesta con ira e con saña, hoy no te vale la caridad: tu nos has querido que te gozara pues por lo mismo te he de matar".

Quero pensar que despois de ler esas letras ninguén ousará dicir que a música tradicional e popular está illada do contexto actual, ou que non ten razón de ser hoxe en día.

Por desgraza, as desigualdades sociais e económicas que viviron as nosas nais e avoas están de plena actualidade: precariedade laboral (máis de 6.000 euros de diferenza co salario medio dos homes), abusos sexuais, carga exclusiva dos coidados (337 mil mulleres piden unha redución de xornada por coidados fronte a 17 mil homes), violacións (2.143 denuncias en 2021), asasinatos machistas (1.132 no estado español dende que comezaron a rexistrarse os datos en 2003). A música tradicional non é só baile e festa: tamén é denuncia e liberación. Cantemos, si; e protestemos, reflexionemos e berremos polas inxustizas desta sociedade que nos toca vivir.

Comentarios