Opinión

Historia da Nada

Un dos clásicos debates da música popular é o posto que esta ocupa respecto ós demais elementos. Explícome: debe a música subordinarse á mensaxe? É máis importante que sexa bailable ca que sexa máis complexa rítmica ou melodicamente? Cada quen tirará a resposta que máis lle acaia, e priorizará a música sobre o texto, ou o baile sobre ambas. Agora ben, que é o que pasa cando non hai nin música nin baile nin mensaxe? Imposible! -dirán algúns- iso quere dicir que non hai nada. Efectivamente, a NADA. Ese é o punto ó que nos estamos achegando con pasos de xigante: a NADA que Michael Ende concibira para a súa Historia Interminable. Un pequeno recordatorio para as que non lembran este clásico da literatura xuvenil: a Nada é unha forza destrutora (a falta de imaxinación do mundo real) que arrasa co país de Fantasía, onde se desenvolve a acción, creando ó seu paso masas de baleiro que causan espanto e desesperación a quen as mira.

Profesionais e consumidoras de música e baile tradicional levabamos anos vivindo en Fantasía sen sabelo: a variedade de oferta de mestras e mestres, actividades, obradoiros, festivais, foliadas e demais actividades parecía inesgotable, amparada polo brazo protector de centos de asociacións culturais. Inesgotable e a proba de bombas; e aínda así, como tantos negocios e particulares, non tiñamos unha cláusula de seguro que incluíse as pandemias. En menos de dous meses a actividade destas asociacións case desapareceu, manténdose online de xeito desprotexido e precario. Non hai, nin semella que vaia haber ata o curso que vén, clases nin eventos nin obradoiros: a Nada chegou a nós. Probablemente sona dramático, e máis se concibimos este sector como algo minoritario: nada máis lonxe da realidade. Animo a calquera que estea lendo este texto a que consulte o Libro branco do ensino na música tradicional en Galicia (2006) editado pola Fundación Sondeseu; e por se o ánimo non é suficiente van aquí uns datos que saen deste estudo: 20.000 estudantes, 640 profesoras entrevistadas en case 700 centros de ensino, 250 concellos (dun total de 315) que ofertan actividades relacionadas coa transmisión de música tradicional. E un dato final, que adquire un significado novo e terrible na situación que estamos vivindo: un 72% do profesorado declara ou omite ter relación laboral directa, sexa por contratación ou como autónoma/o. É dicir, centos de mestras e mestres que non percibirán ningún tipo de ingreso de aquí a, como moi cedo, o curso que vén.

As personaxes da Historia Interminable que miran a Nada perden toda forza e vontade e rematan precipitándose voluntariamente a ela, acabando coa súa existencia. Ademais, a Nada non pode ser odiada porque non ten vontade: simplemente é, ó igual que esta situación que estamos vivindo. Por sorte para nós, a nosa Fantasía é en verdade a Realidade e, polo tanto, temos medios de expresión, loita e resistencia. E niso andamos: non podemos deixarnos arrastrar pola sensación de inexorabilidade, nin pensar que non temos medios para reclamar unha sociedade mellor. Hai agora unha semana que a Asociación de Gaiteir@s

Galeg@s (AGG) difundiu polas redes unha enquisa para avaliar a situación do sector da música e o baile tradicional: neste momento, máis de catrocentas persoas e asociacións comunicaron a súa situación como profesionais e consumidores. A boa recepción mostra unha necesidade do sector de comunicar e denunciar o que se está vivindo: é un grito de socorro. A outra iniciativa da AGG, un borrador con medidas destinadas ó reflote do tecido asociativo, está recibindo adhesións de particulares e colectivos. Bo sinal: semella que, ó contrario que na novela de Ende, non imos precisar dun heroe externo que nos salve… ou si. Todo dependerá do grao de implicación da Administración co sector cultural galego (que supón, non o esquezamos, o 2,5% do PIB autonómico).

Un último detalle: na Historia Interminable o protagonista, retrasado pola súa inseguridade e dúbidas, chega a tempo só de fundar un novo país de Fantasía, xa que o vello queda arrasado pola Nada. A ver se nós podemos facelo mellor.

Comentarios