Opinión

A destrución das musas

Di o Dicionario da Real Academia Galega (RAG) que unha musa é “aquilo que inspira a un poeta ou a un artista, a inspiración mesma”, e exemplifica a definición coa seguinte oración: Gala foi a musa de Dalí. Deixo para o persoal goce da lectora a equiparación de “aquilo” con muller, e sigo co tema do artigo: a música para gaita. Para isto, solicito a colaboración cidadá nun exercicio de agudeza visual: Heicho de dar queridiña, Loliña, Foliada de Andrea, Xota para Aida, A miña Rosiña, Xoaniña, Xota para Alicia, Leliña, María Manuela, Para Celia, A miña muller está tola, Aire Julia, Dos olliños dunha nena, A pequena meiga, Mulatiña, A pequerrecha, Miña ruliña, Rumba para Susi, Lara Lara, Celiña, Chegaches Lola, Muiñeira para Claudia, Farruquiña chaman á porta. Esta enumeración podería continuar durante o resto do artigo, así que vou comezar agora con outra moito máis breve: Magoia Bodega, Ana Belén López Villar, Sabela Olivares, Susana Seivane. Intúese xa por onde vai o asunto?

A primeira lista está formada por títulos de xotas, muiñeiras e rumbas tanto de nova autoría como do repertorio de grupos emblemáticos do século pasado; a segunda, polas gaiteiras que teñen publicadas as súas composicións nalgunha obra compilatoria. Alguén dirá: é imposible que só haxa catro gaiteiras que compoñan repertorio! E eu respondo sen medo a equivocarme que, efectivamente, é imposible. Porén, cando hai uns meses quixen xuntar material para programar as miñas aulas de gaita, despois de revisar todas as publicacións atopei que non chegaban a quince as obras de autoras. Incrédula, busquei o podcast do Lume na palleira do 29 de setembro de 2019, cando Xaime Estevez foi falar de gaiteiras compositoras nese marabilloso espazo de divulgación e colaboración entre a Radio Galega e a Asociación de Gaiteiros Galegos que é o Recuncho da palleta. Falouse alí doutras autoras (Mercedes Peón, María Xosé López, Guadi Galego) que gravaron as súas obras, e que xuntando coas anteriores forma un total de sete compositoras de obras para gaita; oito se contamos a María Mendoza, autora de “Enredadas”. Está claro, despois dunha simple ollada a esa lista inicial de Loliñas, Leliñas e demais –iñas, que nas composicións para gaita abondan as musas e non tanto as autoras.

O verán pasado escribía neste mesmo medio sobre a escaseza de mulleres nas gravacións de música galega e levaba as mans á cabeza: entre outros datos, sinalouse que o 70% dos grupos está formado exclusivamente por homes, e que entre 2004 e 2008 só houbo dez mulleres gaiteiras que participasen en gravación; gaiteiras que eran á súa vez o grupo máis numeroso de instrumentistas nese período ( datos obtidos de “O imaxinario feminino na música popular galega”, de Miriam Barreiro). Quen ía dicir que, en comparación coa presenza de compositoras nas obras para gaita, a discografía é un maná para as mulleres músicas! Por suposto, esta ausencia non é un fenómeno exclusivo da música tradicional e popular, senón unha eiva estrutural compartida por tódalas artes. O papel da muller na produción artística limítase ó de obxecto de admiración e inspiración; e a maior pretensión parece ser que che dediquen unha obra. No caso da música tradicional e popular galega, ás mulleres concédeselles ser a memoria viva da música do pobo, normalmente dende un plural ambiguo (as pandeireteiras de tal sitio, as cantareiras de tal outro) que oculta autorías e singularidades nunha sorte de paraugas de corte romántico que leva por nome “o saber do pobo” – o folclore. E pobo, non o esquezamos, é masculino singular.

Ó comezo do texto dixen que non ía comentar a comparación “muller igual a obxecto” na entrada do dicionario, pero é imposible, porque disto é do que vai o artigo e a loita: da destrución das musas, da reivindicación das autoras, do paso de obxecto a suxeito. Se non atopamos autoras haberá que buscalas. E se non aparecen, haberá que darlle pulo ás que lles gustaría pero aínda non se atreven. Eu resístome a crer que sexamos oito, nove ou dez, por unha simple cuestión: quen quere alumear o enxeño alleo podendo facelo co propio?

Comentarios