Opinión

Xela: revolución, compromiso

Xela Arias é revolución. Revolución da palabra poética, e non só por inventar verbos –“Intempériome”–, dos que se apropia en primeira persoa, retorcendo os pronomes ou levando a cabo “o desterro dos pronomes”. Mudando a poesía na forma e no fondo, indo até o máis profundo. “Revolución” rima con “nación”, Xela declárase nacionalista sen reviravoltas. Medrou nunha familia, a de Amparo Castaño e Valentín Arias, na que se respiraba o compromiso con Galicia e coa lingua, o compromiso militante cun partido, o PSG, Partido Socialista Galego (e para a xente nova aclaro que é diferente e anterior ao PSdG), fusionado con Esquerda Galega en 1984, como PSG–EG. Malia estar o compromiso pouco ou nada de moda nos anos 80, cando comeza a publicar, ela sitúao como un dos esteos da súa poesía, da súa vida, arredándose doutro tipo de poesía, a de quen, escribe, “xogan a mergullárense nos dicionarios e adícanse á artesanía (...) para fuxir do compromiso”.

Revolución feminista, porque “Eu só podo escribir desde muller, desde miope e desde galega”, criticando o tratamento das mulleres escritoras como unha especie de categoría aparte da escrita sen adxectivos, escrita universal que sería a masculina. Na súa poesía a voz das mulleres, dunha muller que fala da maternidade dun modo radicalmente novo, establecendo co seu fillo Darío unha relación revolucionaria: “Non te posúo”. Un libro que racha coas ideas esencialistas da maternidade.

Dedicar a Xela Arias o Día das Letras Galegas en 2021 é un recoñecemento dos catro libros de poemas que revolucionaron a paisaxe poética. Tamén dos moitos centos de páxinas que Xela escribiu en galego, para alén dos poemas, dos máis de vinte libros traducidos para a nosa lingua. Ler nela autoras e autores da literatura universal é un dos elementos na construción do galego como lingua de cultura. Podemos mirarnos no espello de Cataluña, onde novelas e ensaios son traducidos para o catalán de inmediato. Xela conta con méritos abondo, malia poñerse sempre en cuestión a escolla dunha muller –sexa na literatura, na política ou noutros campos– atribuíndoa a cuestións extraliterarias, facendo dela un “diagnóstico negativo”. A lingua constrúese desde a poesía, desde os xornais, desde a tradución e o traballo editorial, desde as aulas. As achegas de Xela abranguen todos eses eidos e máis. Mellorar a lingua, defendela dos ataques, do desleixo, é un compromiso no que Xela nos guía.

Comentarios