Opinión

Volver ao "normal"?

Escóitase un retrouso día si, día non para o momento en que, chegadas as vacinas e aplicadas á meirande parte da poboación, controlada, se non vencida a pandemia, poidamos “volver ao normal”. Eu non podo menos de preguntarme que é o “normal”.

É o normal desbaldir os recursos naturais, arrasar as fragas e selvas? No Brasil, se a corta e a degradación da floresta do Amazonas continuasen ao ritmo actual nos próximos 20 anos pode chegarse a un punto de non retorno (tipping point), cando o 25 por cento estea destruído, no que a Amazonia deixaría de funcionar como un ecosistema tropical. As árbores non poderán reter a humidade, aumentará a temperatura e a estación seca durará máis tempo. A pluviselva coa meirande biodiversidade do planeta transformaríase nunha sabana, algo semellante ao “cerrado” brasileiro. Sendo un exemplo dramático, esta destrución de fragas e bosques acontece en gran número de países. As consecuencias para os seres humanos son, entre outras, o aumento de doenzas transmitidas por mosquitos, como a malaria, igual que en Europa están aparecendo casos de dengue ou febre do Nilo. Nun ambiente con alta diversidade biolóxica, con moitas especies, os mosquitos teñen máis variedade de presas das que se alimentar. 

É o normal amorear porcos, vacas, galiñas en poucos metros cadrados na chamada gandería intensiva? En 2018 foi noticia que o número de porcos, 50 millóns, case a metade deles en Cataluña, seguida de Aragón, superaba o da poboación española. En Galicia se sumamos todas as cabezas de gando, vacas, porcos, ovellas, acádase un número similar ao de habitantes. Tendo en conta que un porco precisa 15 litros de auga diarios e que as súas feces producen unha perigosa contaminación das augas, non é de estrañar que haxa vilas en Lérida e Huesca onde a auga deixou de ser potábel. Lembremos que en Allariz a revolta popular que levou Anxo Quintana á alcaldía tivo a súa orixe na contaminación do Arnoia debido a unha granxa de porcos do anterior alcalde. Danos para o ambiente e tamén para o benestar dos animais que, como sabemos hoxe polos estudos de comportamento, aínda que ás veces prefiramos ignoralo, son seres que senten, que xogan, que se comunican e que experimentan emocións.

É o normal vivir nunha sociedade onde cada vez máis persoas non teñen recursos suficientes para levar unha vida digna? 

Se todo iso é o “normal” eu espero que nunca regresemos a ese mundo non sustentábel.

Comentarios