Opinión

Vampiros de vacinas

"Ou tod@s ou ninguén / ou todo ou nada / unha soa non pode salvarse” escribiu Bertolt Brecht en 1939. É un poema contra o individualismo feroz que o sistema capitalista promove para crebar a forza das traballadoras que reside na unidade. Se cadaquén non se preocupa máis que do seu, poñendo o interese particular por riba das necesidades e intereses sociais, o resultado son paraísos fiscais, sexa como os que tanto gustan ao emérito, ou máis próximos en Andorra. A dereita abomina dos impostos –polo menos así di, aínda que os suba cando goberna– sen explicar como se financia a educación, os hospitais, as pensións, ou as redes de comunicación se ninguén paga impostos ou son case inexistentes. Esta baixa imposición é unha das causas da ausencia de servizos sociais dignos en grande parte dos países latinoamericanos.

O exemplo máis recente de ferocidade individualista é roubo das vacinas. Chámoo roubo, pois o que fan é subtraer un dos elementos máis valiosos que existe neste intre, un que para moitas persoas pode supoñer a diferenza entre a vida e a morte. Na lista destes ladróns e ladroas hai variedade, bispos, militares de alta graduación, conselleiros de saúde, alcaldes e alcaldesas, directivos de hospitais. Unidos por unhas escusas tan ridículas que moverían a escachar coa risa, se non movesen á carraxe; unhas explicacións que non valen nin para o guión do folletín máis cativo. Ando nestes días lendo a espléndida tradución que fixo Xela Arias do Drácula de Bram Stoker, e cada vez que se me aparece o conde nas páxinas do libro, debruzado sobre unha vítima para chucharlle o sangue, imaxínoo co rostro desas indignas “autoridades”, auténticos vampiros que chuchan a vacina e a vida a tantas persoas vulnerábeis aínda sen protexer. Mais o conde Drácula, polo menos, ten un aquel de elegancia, de erotismo, non en van as primeiras das súas encarnacións literarias do XIX están inspiradas en Byron. Os das vacinas, polo contrario, son uns vampiros do xénero cutre. Falando de roubos e acaparamentos, outro é o das mafias das compañías farmacéuticas que onte pediron cartos a Europa para investigar e hoxe venden as vacinas a quen máis paga, probabelmente unha xogada para chantaxear mudando o prezo negociado.

Nota: Traduzo coa @ pois o alemán alle é igual para 
ambos xéneros, aínda que Brecht escribiu o resto en 
masculino; mesmo hoxe custa moito que se entenda que 
o masculino non é inclusivo das mulleres.

Comentarios