Opinión

Vacinas: os efectos primarios

Hai dez días puxéronme a primeira dose da vacina (Moderna, a que correspondía ese día) e unha semana despois o brazo onde estaba a picada púxose vermello, cunha especie de sarabullo. Esculca que esculca pola Internet encontrei este artigo no New England Journal of Medicine que describe estas reaccións demoradas, sen ningunha gravidade. A cuestión non tería demasiada importancia de non ser pola atención desproporcionada dos medios de comunicación aos efectos secundarios, e o temor que isto causa nas persoas que non teñen acceso a información rigorosa. Puiden comprobalo o día que me vacinaron, mentres agardaba os quince minutos do protocolo, na muller sentada ao meu carón que non paraba de preguntarme, nerviosa, polas consecuencias da vacina, se teríamos algún efecto, se nos doería a cabeza, se causaría febre. E eu intentando tranquilizala, levar a conversa aos seus efectos primarios, protexernos da COVID e, talvez, da morte.

Por que neste caso hai tal morea de novas sobre os riscos das vacinas? Seguramente temos impresa nalgunha reviravolta do cerebro unha resistencia ao azar. A obsesión pola seguranza, inducida por propaganda da extrema dereita aliada con intereses comerciais leva a ignorar que o risco cero non existe. O relevante de vacinas, medicamentos ou tratamentos son os efectos primarios, os beneficios. Moitas persoas seguen vivas grazas ao “sintrón”, un anticoagulante que evita trombos; porén en certos casos orixina hemorraxias, un problema menor comparado cos seus beneficios. Eu –creo non ser un caso único entre fillas de médicos– non tomo medicinas máis que cando non queda outro remedio. Meu pai receitaba con frecuencia auga de limón, un costume que lembrei no médico d'A expedición do Pacífico, e criticaba o uso indiscriminado de antibióticos. Por iso sorpréndeme que persoas que toman ibuprofenos como se se tratase de caramelos para calquera molestia leve, ou se automedican antibióticos cando teñen dor de moas, se poñan nifrosas coa vacina da COVID. O artigo do NEJM ao que facía referencia arriba concluía que o sarabullo adoitaba desaparecer aos catro ou cinco días, que é necesario poñer a segunda dose, e alertaba de que non ten sentido ningún tomar antibióticos para combater unha urticaria. Cómpre repetirmos que é preciso confiar na ciencia e non nas andrómenas difundidas polos antivacinas. E seguir reclamando máis recursos para a sanidade pública, a quen debemos os coidados.

Comentarios