Opinión

Unha única luz

Uns amantes comparten pan e viño á luz dunha candea de cera que ule a mel. Un home, Juan, o médico de Toba, le para fillas e fillos Merlín e familia, de Cunqueiro, á luz da lareira ou á incerta luz do candil de acetileno: en Toba como en moitos lugares de Galicia non houbo electricidade até os anos 60. Unha rapaza, agochada entre as sabas, le unha novela coa axuda dunha lanterna. Un neno desprazado polo terremoto de 2011 no Xapón, deitado boca abaixo na escuridade, talvez nunha tenda de campaña, le avidamente un libro á luz dunha lámpada de cámping. Nas esquinas do cadaleito, catro cirios alumean o velorio da nai defunta. A luz do faro de Fisterra –chamado a Vaca, polo seu bruar– guía os navegantes nos perigosos baixíos da Costa da Morte. Na rúa uns namorados bícanse apaixonadamente á luz dun farol. 

Unha luz ilumina, racha as tebras. Dise que o contrario de luz é escuridade, mais eu creo que neste tempo o contrario dunha única luz é a profusión de luces. A luz senlleira alumea, permite ver con claridade algo, alguén. A morea de luces ofusca, é unha desmesura co propósito de enaltecer a quen o encarga –alcalde, presidenta de comunidade autónoma–, encarga e planea pois pagar pagámolo todas. Malia as andrómenas, que agora chaman fake news ou pos-verdade, convén lembrar que as rúas están iluminadas por farois, non polos escaparates; isto nas cidades e vilas galegas porque no rural hai escaseza de farois e ausencia de escaparates. O exceso de luces nega á noite o seu papel de acougo para aventuras románticas. A cantidade de luces nocturnas dirixidas ao ceo, non ao chan, impídennos contemplar as estrelas. 

Queremos preservar esa luz que alumea e, polo contrario, producen vergonza quen desbalden cartos e recursos, enerxía, nunha homenaxe a si mesmos, quen compiten por instalar once millóns de luces nun delirio de fachenda. Na Grecia clásica referíanse a desbaldir sen sentido coa palabra hibris, desmesura, arrogancia, descontrol que traía castigos. Porén, se nos mitos gregos a hibris traía unha condena individual, a desmesura nos recursos desbaldidos pagámola toda a cidadanía, págaa a Terra, o planeta quecido, os montes galegos ardendo, a seca. Gardemos a luz, fagamos oír a nosa voz reclamando mudanzas no uso das luces, coa oportunidade do plan de aforro enerxético que pretende reducir as sobrantes. A luz, unha luz, cando cómpre, e menos luces onde sobran: desexamos ver as estrelas.

Comentarios