Opinión

Soñando o futuro

Soñamos co futuro en situacións como a actual na que o soño pretende substituír ao pesadelo. Unha das grandes soñadoras do século pasado foi Marina Tsvetaeva. No seu poema de 1926 O cazador de ratas, especialmente no canto segundo, “Os soños”, critica con retranca as cativas aspiracións da hipócrita veciñanza de Hamelin, só preocupada polos cartos e as posesións materiais. A poeta opón cidades onde “Os homes soñan con sereas / as mulleres soñan con Byrons” a Hamelin na que unha muller respectábel nunca soña co pracenteiro. Soñemos pois con praceres, apertas, copas de viño compartidas, posesións inmateriais, a vista da paisaxe, escoitar un canto, mais no contexto de que futuro?

Imaxinar que nuns meses a epidemia desaparecerá e a nosa vida volverá ser como antes é confundir desexos con realidade. Mentres non exista vacina –e iso vaise demorar até o outono de 2021 ou máis tarde– as precaucións para evitar contaxios gobernarán o noso día a día. Grazas á vacina podemos enfrontar a pandemia da gripe. Mesmo así en España na tempada 2018-2019 morreran 6 300 persoas, e no mundo 650 000, por causa da gripe. Na tempada 2017-2018 até 15 000 mortes.

Sen dispoñermos de vacina, é improbábel que antes dun ano poidan celebrarse actos con asistencia multitudinaria, sexan culturais, políticos ou deportivos. Abrirán librarías e bares, porén mantendo algunha distancia, o que sen dúbida causará problemas a algúns dos meus pequenos restaurantes e bares preferidos. O alumnado volverá ás aulas, mais, se observamos como se produce esa volta en Francia ou Alemaña, serán precisos grupos máis reducidos que permitan respectar as distancias. Grupos máis pequenos significa contratar máis profesorado, espero que a Xunta de Galicia planifique con tempo esta contratación. Isto lévame a un dos eventos adiados, na miña opinión o máis importante, a eleccións ao parlamento galego, suspendidas mentres estea en vigor o estado de alarma. Espero que ao se levantar este teñan lugar as eleccións, aínda que sexa sen mitins, e que leven á mudanza do goberno. En canto ao demais, agardando pola vacina, teremos que aprender a convivir co coronavirus e coa incerteza, a tirar de imaxinación para organizarmos manifestacións reivindicativas, celebrarmos aniversarios e días das letras con asistencia controlada, a contemplar partidos de baloncesto ou fútbol sen público. Sobre todo a soñar cun futuro onde non maltratemos a natureza.

Comentarios