Opinión

Son naturalista

Son naturalista. Recupero esta fermosa palabra usada polo meu grupo de amizades durante os estudos de bioloxía para definirnos como xente de campo. Guiados por Santiago Castroviejo dedicabamos as fins de semana a camiñar por carreiros do monte procurando raras herbas ventureiras, a contar con Suso Garzón creador do Parque de Monfragüe e pastor transhumante aves migratorias en brañas encharcadas. Isto, nos tempos anteriores ao goretex e sen ter sempre a precaución de levar botas de goma, significaba pés mollados durante todo o tempo da excursión. Inventamos mesmo unha canción "Para ser naturalista". En parte brincadeira, debatendo con algunhas persoas que se especializaban en bioloxía molecular e definían os bichos como "unicamente sacos de encimas".

Son naturalista pois esta é unha das miñas voces –atrapallándose na gorxa con outras e ameazando con me esganar. Naturalista porque amo a Natureza e dediquei boa parte da miña escrita sobre aprendizaxe das ciencias e pensamento crítico a advertir sobre os perigos que a ameazan. En 1981, ao publicarmos medio clandestinamente, en edición das autoras e autores, o primeiro texto de ciencias en galego, Xilbarbeira, citabamos o informe Os límites do crecemento, o perigo do quecemento global e recibimos críticas por catastrofismo. Quen nos dera estar equivocadas! Hoxe, cando a Terra sofre unha auténtica catástrofe ambiental, temos que levantar a voz. Xunto coas voces de naturalistas e intelectuais, o "Manifesto da outra xente"*, promovido por Manuel Rivas e Antonio Sandoval, chama a escoitar a Natureza, a poñer fin aos procesos de extinción, a coidar da "outra xente". 

En Galicia eu asisto día tras día, ano tras ano, á desaparición da vida que bulía nas pozas entre as rochas ao baixar a marea: fermosos vermes irisados, a tinta púrpura da lesma de mar chamada tinteira, os apegóns disfrazados de flores, as pequenas esponxas de cor laranxa, os ourizos, os lentos caracois... Vexo como no regato de San Adrán, en Toba, os limpafontes, as anguías que cando o meu compañeiro era neno se collían coa man, os peixiños, as ras, foron exterminados polos visóns. Precisamos mudar a nosa forma de vivir na Natureza, porque nós somos parte dela e ao se estragar, estragámonos con ela. Naturalista rima con feminista, con galeguista, con xornalista e val tanto para mulleres como para homes. Son naturalista e vós tamén podedes selo, se vos comprometedes coa Natureza. 

Comentarios