Opinión

Por que somos feministas en 2015 (e sempre)

Polas mañás a avoa coida da súa propia nai –a bisavoa de Sonia – que ten Alzheimer, facendo quendas con outra irmá. O resto dos irmáns, que teñen traballo (remunerado) páganlle a cada unha 100 euros ao mes. A mediodía recolle a dous netos da escola, prepara o xantar, dálles de comer, e lévaos á escola de novo. A media tarde recolle na casa aos sete netos e coida deles durante varias horas.

Hai quen di que a discriminación das mulleres é cousa do pasado. Hai quen di que agora as mulleres teñen os mesmos dereitos, as mesmas oportunidades que os varóns. A historia é real, só mudei o nome. Sonia (chamémola así) ten 21 anos e traballa na sección de panadaría dun supermercado. É traballadora e eficiente, amable, aprezada pola clientela e a xefatura. Porén Sonia non pode aspirar a un posto mellor e mesmo o seu traballo pode un día estar en risco. A razón é que non finalizou a escolaridade obrigatoria e carece de título, fóra do de primaria, pois deixou a escola aos 13 anos. Non pola súa vontade ou porque fose unha estudante con dificultades: seus pais interromperon a súa educación porque a nai encontrou un traballo a tempo completo. O papel de ama de casa, de nai dos seus irmáns máis novos, o pequeno de poucos meses, foille asignado a Sonia. Isto non ocorreu no século XIX, a rapaza non é a protagonista do Muíño no Floss, senón en 2007 (Sonia naceu en 1994).

"Se hai máis mulleres ca homes en risco de exclusión é, entre outras cousas, porque aínda forma parte do imaxinario social que o seu papel na vida é coidar da familia, sexan criaturas, adolescentes ou nais e pais impedidos".

Con todo, o anterior é só unha parte da historia desta familia. Neste intre Sonia deixou a aldea para traballar no supermercado e vive nunha cidade con súa avoa que ten 58 anos e sete netos de curta idade na mesma cidade. Polas mañás a avoa coida da súa propia nai –a bisavoa de Sonia – que ten Alzheimer, facendo quendas con outra irmá. O resto dos irmáns, que teñen traballo (remunerado) páganlle a cada unha 100 euros ao mes. A mediodía recolle a dous netos da escola, prepara o xantar, dálles de comer, e lévaos á escola de novo. A media tarde recolle na casa aos sete netos e coida deles durante varias horas. Non porque todos os seus fillos traballen até a noitiña, senón por quedaren así máis libres. Ás veces a avoa láiase de tanta fraterna, dille a Sonia que vai procurar un traballo de coidar nenos polo que lle paguen, un traballo de verdade. Se vai estar mallada á noite, polo menos gañar uns euros. Porén nunca se negou a facer iso polos seus fillos. 

Epílogo: Sonia bota unha man cos nenos, o pouco que lle permite o seu horario, mais isto vai acabar. Está preñada porque unha xinecóloga, a todas luces trabucada, díxolle que era estéril, e vai vivir co seu mozo. Cómpre aclarar, por se alguén está pensando que Sonia é inmigrante ou pertence a unha comunidade ou etnia minoritaria, que non é así. Isto ocorre en 2015 nunha parte de Europa que se gaba de avanzada.

"As mulleres somos a metade da humanidade e queremos ocupar o espazo que nos corresponde, non un recuncho da cociña".

É só unha pequena historia, mais non é única. Se hai máis mulleres ca homes en risco de exclusión é, entre outras cousas, porque aínda forma parte do imaxinario social que o seu papel na vida é coidar da familia, sexan criaturas, adolescentes ou nais e pais impedidos. Mesmo se para iso deben sacrificar o seu futuro. Aínda forma parte das ideas socialmente aceptadas que as mulleres só podemos xogar papeis secundarios.

Con todo, en 2015, existen persoas que utilizan o adxectivo “feminista” con connotacións negativas. “Mira que es pesada con iso do feminismo”, ou “É feminista, mais non agresiva”. Como se o feminismo fose un sarampelo, un andazo do que debésemos librarnos para ser encadradas no canon da normalidade. Hai moitos feminismos, e a súa caracterización non é o obxectivo deste artigo. Porén, os feminismos comparten a idea de todos os seres humanos teren os mesmos dereitos. As mulleres somos a metade da humanidade e queremos ocupar o espazo que nos corresponde, non un recuncho da cociña. Queremos que todas as rapazas, todas as Sonias, teñan dereito a aprender, a estudar. Esa é unha das razóns polas que somos e seguiremos sendo feministas.

Comentarios