Opinión

Saúde: as tesoiras e a culler

O xurdimento do coronavirus non pode atribuírse a ningún goberno, aínda podendo estar causado por unhas relacións inadecuadas coa natureza, asunto que merece un artigo de seu. Porén o que si depende das actuacións dos gobernos é a atención ás persoas infectadas, os recursos e a calidade do sistema público de saúde. É inaudito que o galego intente botar as culpas sobre outros logo de décadas de meter as tesoiras a esgalla na sanidade pública. Hai pouco máis dun mes, o 9 de febreiro –parece que foi noutro século –, manifestámonos en Santiago contra os recortes, convocados por SOS Sanidade Pública, pois intentaban pechar o paridoiro de Verín. En 2019 pararan as médicas e médicos de atención primaria, e en decembro de 2018 vinte e tantos xefes de servizo da área sanitaria de Vigo dimitiron para non ser cómplices do deterioro dos centros de saúde, desprovistos de recursos materiais, e con menos persoal, o que ocasiona sobrecarga de traballo e demoras inaceptábeis nas consultas médicas. As protestas de profesionais nos servizos de urxencia son continuas. O recorte do persoal sanitario chegou a acumular 2.500 prazas, segundo datos da propia Xunta de Galicia. A precariedade é a norma, con médicas, enfermeiras e celadores que chegan a acumular ducias de contratos ao mes, ás veces en distintos centros. Isto en canto ás tesoiras, mais estas viñan acompañadas da culler: os cartos retirados da sanidade pública foron parar á privada, cun proceso de privatización, tanto de servizos, desviando pacientes a centros privados, como de procesos dentro dos propios hospitais, asignados a empresas. Noutras palabras, desmantelouse a sanidade pública para que uns cantos empresarios puidesen facer os seus negocios. Exemplos recentes na crise do coronavirus son as residencias de maiores, con consecuencias catastróficas, e os intentos da empresa de hospitais HM –en toda España 17 hospitais e 21 policlínicos– para que o persoal do policlínico de Santiago tomase sete días de vacacións, baixo a ameaza de reducir persoal. En resumo, para poder atender adecuadamente as persoas infectadas, sobre todo as que necesitan ingresar nos hospitais, son necesarios recursos adecuados. A saúde é un dereito, non un negocio. Temos uns profesionais magníficos, mais non se pode desviar a atención cara ao seu bo facer. Sen protección e sen materiais, non podemos esperar que sexan heroes e heroínas, mesmo se actúan como tales.

Comentarios