Opinión

Saúde ou economía: o cólera en 1854

Traxedia é palabra acaída para a situación de Galicia entre 1852 e 1856. A perda das colleitas en 1852 levou ao ano da fame en 1853, e no verán dese mesmo ano chegou o tifo. En xullo de 1853 o bispo de Santiago atribuía a fame e as malas colleitas á vontade do Creador de castigar os pecados dos homes. Rosalía de Castro compadeceuse das xentes famentas pedindo esmola ou morrendo nas rúas de Santiago, lembranza recreada por Murguía en Ignotus. En setembro de 1853, aos dezaseis anos, convidada pola súa amiga Eduarda Pondal, viaxou a Muxía; ambas contraeron o tifo, do que Eduarda morrería a finais de mes. Porén o máis grave aínda estaba por vir. En novembro un barco de guerra chegaba ao porto de Vigo traendo, como o navío de Nosferatu, o filme de Murnau, a morte a bordo. Levábana tres mariñeiros enfermos de cólera que serían confinados na Illa de San Simón, o que non impediu os contaxios, primeiro á provincia de Pontevedra e en 1854 á da Coruña. De ser tomadas medidas ao inicio do andazo a catástrofe sería menor, porén isto requiría admitir, en primeiro lugar, que a enfermidade era cólera, en segundo que cumpría fechar ao tráfico o porto de Vigo e talvez outros de Galicia. Intereses comerciais e políticos conxuráronse para negar que fose cólera, atribuíndo as mortes a unha “enfermidade das ostras”. Temían tanto os danos económicos causados por unha corentena como o custo dos recursos sanitarios que sería necesario mobilizar. Segundo Vázquez Arias, no seu documentado artigo sobre o cólera en Pontedeume, en Galicia morreron a causa do cólera arredor de 7000 persoas entre 1853 e 1855; en España 236000. Na Coruña, debido á falta de médicos, pediuse axuda a Santiago de Compostela e chegaron cinco, dos que tres morrerían contaxiados. O andazo non se cebou por igual nas distintas clases sociais. Podemos imaxinar as condicións de vida das máis pobres, sen roupa limpa ou sabas para mudar as lixadas, sen dispoñer de auga nas vivendas que permitira unha mínima hixiene.

Moitos son os paralelismos co andazo que sufrimos: negacionismo, persoal sanitario contaxiado, desigualdade á hora de evitar o contaxio e, en particular, a pretensión de situar os intereses económicos por riba da saúde. De crer algunhas teorías, sería a corentena, non a pandemia, a causante das perdas económicas. Non o esquezamos: os que se negan a dar prioridade á saúde son os mesmos que furtaron recursos á sanidade pública.

Comentarios