Opinión

Salvarnos a nós mesmas

Aínda sendo máis coñecido o poema de Charles Bukowski, “Ninguén pode salvarte, senón ti mesmo”, creo que foi Buda quen escribiu por primeira vez que ninguén nos salvará se non nos salvamos nós. Esta sentenza resume para min o dilema entre tecnocracia e cidadanía crítica. A ideoloxía neoliberal atribúe solucións técnicas aos problemas, sexan económicos, ambientais ou sociais. As décadas transcorridas desde a caída da Unión Soviética mostraron a incapacidade do capitalismo para crear sociedades máis xustas; todo o contrario, afondáronse as inxustizas. Do mesmo modo o quecemento global e o deterioro ambiental non demandan solucións de carácter unicamente técnico, senón político e social.

Na catástrofe da pandemia cómpre distinguir entre os remedios inmediatos para a COVID19, vacinas, tratamentos, que veñen de man da ciencia, e por outra banda a mudanza dun sistema social que conduce ao colapso do planeta. O primeiro é de carácter técnico, aínda que non só, pois xa estamos presenciando un desigual acceso ás vacinas segundo o país no que vivamos. O segundo require unha emenda á totalidade das nosas relacións co planeta e entre nós, tanto por parte dos gobernos como das persoas. A forma en que usamos a enerxía non é sustentable, os gobernos non poden seguir adiando indefinidamente unha drástica redución das emisións de gases efecto invernadoiro, incumprindo as tépedas recomendacións que se fan a si mesmos. Mudanzas deste tipo teñen consecuencias, por exemplo Galicia produce un alto número tanto de automóbiles como de compoñentes de automoción, mais no futuro será necesario potenciar o transporte público e, en todo caso, o coche eléctrico. A Xunta concedeu este ano unha axuda de 5 millóns a PSA para a produción de vehículos eléctricos, mais son precisas medidas máis decididas. E establecer unha sólida rede de transporte público por tren e autobús, para conectar cidades e vilas galegas. A cidadanía crítica ten que prepararse para cambiar as formas de vida. Ningún mesías tomará sobre si facer estes sacrificios se non o facemos nós.

O poema de Bukowski, que pode interpretarse nun sentido semellante ao de Igor Lugrís cando se preguntaba “Quen nos defende a nós dos idiotas?” (Letras de Cal, 1997) recoñece que “non é unha guerra fácil de gañar / mais paga a pena”. Son pouco afeccionada a asignar grandes expectativas ao cambio de ano, mais pode ser un momento acaído para decidir salvarnos a nós.

Comentarios