Opinión

Sabíao Felipe?

En tanto a fiscalía do Tribunal Supremo debulla o enigma de se o emérito pode ser imputado ou non, eu pregúntome polo rei en exercicio. É verosímil que nunha familia o pai argalle unha “estrutura” para evadir o fisco, levando moreas de cartos aos chamados paraísos fiscais –países pirata, á marxe da legalidade– e que o fillo o ignore? Resulta críbel que un pai coloque o fillo como beneficiario dun fondo e que este o descoñeza? O sentidiño diría que non, mais hai familias nas que seica a man esquerda non sabe o que fai a dereita. No caso Urdangarín a infanta Cristina afirmou que asinaba sen ler o que el lle poñía diante, que ignoraba o referente aos negocios do seu marido, malia figurar neles. Di moi pouco da forma en que o emérito educou a súa descendencia, ou ben como persoas con déficit de atención que non se decatan do que ocorre ao seu arredor, ou ben como quen falta á verdade.

Hai outros dos que tamén cabe preguntarse: Sabíao Felipe González? Sabíao José María Aznar, presidente en 2003 cando se creou Zagatka en Liechtenstein? Zapatero, Rajoy? O rei Juan Carlos non viaxaba discretamente, andaba topando con portas de vidro e tendo encontros cos coitados dos elefantes. Onde queira que fose ía acompañado dunha morea de escoltas; parece inverosímil que os sucesivos gobernos non soubesen das súas tapadeiras en Panamá ou Suiza, de maletíns que semellan máis acaídos para un personaxe de banda deseñada que para un xefe de estado. Unha democracia de calidade require explicacións claras, que o retrouso “a xustiza é igual para todos” se cumpra e non cause indignación ao escoitalo en boca de quen está nunha situación de privilexio. Ben se encargou o goberno en 2014, no momento da abdicación, de reformar a Lei Orgánica do Poder Xudicial para facer aforado ao rei emérito, así como ás raíñas e ao rei actual.

Asuntos como este revelan o pouco creto que merecen as declaracións de amor á patria por parte de quen negocia comisións millonarias, cultivando a evasión fiscal. A bandeira tapando prácticas corruptas.

O rei tirou a Juan Carlos a asignación de 161.000 euros anuais. Nesta crise podería haber un xesto, dedicalos a cubrir necesidades sociais, entregalos a unha ONG. Porén, trasladáronse ao fondo de continxencia da propia casa real para “necesidades inapelábeis de carácter non discrecional para os que non se fixera a adecuada dotación orzamentaria”. É urxente que devolva todos eses millóns.

Comentarios