Opinión

Rosalía: documentos e fábulas

N estes días celebramos por vez primeira o aniversario de Rosalía de Castro o 23 de febreiro, data que coñecemos con certeza grazas ás investigacións de Sagrario Abelleira. Tan importantes como a data son outros contidos do expediente do Arquivo Histórico Diocesano de Madrid que reúne documentos solicitados a Rosalía e Manuel Murguía para autorizar a súa voda en 1858. Precedido dun estudo de Miguel Anxo Seixas e Sagrario Abelleira, está publicado nun fermoso volume, Rosalía e Murguía: Datos, datas e documentos. Título acaído, pois cómpre dar creto a datos e documentos como os achegados neste libro, e non a dixomedíxomes ou andrómenas.

Até 1997 nas versións sobre o nacemento e os primeiros anos de vida de Rosalía dominaban as andrómenas. Fabulacións misóxinas que atribuían a Teresa de Castro o abandono da nena, postas en circulación pola familia paterna, a do crego José Martínez Viojo. A carta, en 1923, de Lois Tobío a Bouza Brey afirma que “a desnaturalizada nai” desexaba arredar a infortunada criatura e, para que non “deslustrase o timbre da súa familia nin os seus rancios e ridículos pergameos, pensou en botala no hospicio”, engadindo que fora educada cunha sobriña do crego. En 1997 a investigadora rosaliana prematuramente desaparecida Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, nun artigo en Grial baseado nos datos do padrón de habitantes da vila de Padrón de 1842, demostrou sen lugar a dúbidas que Rosalía vivía coa nai e a fiel criada Francisca Martínez polo menos desde os cinco anos. A mesma Victoria Álvarez descubriu en 1999 que unha curmá de Rosalía por parte de nai, Josefa Laureana de Castro, fora tamén bautizada no Hospital Real en 1821 porque os seus pais aínda non casaran, permanecendo brevemente no hospicio. Conclúe Álvarez que isto ilumina o bautismo de Rosalía no mesmo lugar, único onde podía manterse en segredo o nome do pai e mesmo da nai.

Entre os documentos publicados por Abelleira hai unha acta de recoñecemento de Rosalía como filla natural pola nai, datada en 1843. Nela Teresa de Castro indica que a nena foi aleitada durante seis meses por María (Mariño), pasando logo “á compañía da que fala, na que permanece”. En resumo, Rosalía viviu coa nai desde nena, agás os seis meses coa ama de leite, e gozou do seu apego e o seu cariño, que lle devolve nos poemas a ela dedicados: “más tierna que la ternura / más ángel que mi ángel bueno”. Grazas a Sagrario Abelleira por estas achegas.

Comentarios