Opinión

Reparar de novo

Reparar, amañar o que crebou, o que ten unha fenda, recompoñer o que deixou de funcionar, zurcir o noso mantel máis querido para seguir colocando sobre el o pan. Reparar, fermosa palabra seica esquecida. Temos a fortuna, en Santiago de Compostela e na meirande parte de Galicia, de contar con tendas onde mans de mulleres, puntada a puntada, reparan teas gastadas, xerseis con furados nos cóbados, mais ai! tan fermosos, remendan o que pode ser remendado. Contamos con quen bota solas novas aos zapatos, con quen fedella nunha lámpada que non fai contacto até facela escintilar. Que gratitude cando a resposta é "amañarémolo" e non "mellor será que compre outro". Reparar demanda pensarmos na Terra, nos recursos que non son inesgotábeis. Sendo difícil rebelarnos fronte ao pensamento dominante, á pulsión de usar e tirar, á chamada "obsolescencia programada", reparar é un acto de amor pola Terra.

Reparar contén outros significados, é prestar atención ao que nos rodea, é o estado de alerta que nos fai enxergar o que para outros pasa desapercibido. Reparamos na beleza das flores ventureiras que nestes días se adiantan á primavera. Reparamos no que alguén considera unha ruína mais que está a contarnos unha historia. Reparamos nunha muller que pide esmola e para a maioría resulta invisíbel.

Reparar unha inxustiza, outra cara desta palabra que leva a emendar erros, a remediar danos. Admitir que fixemos algo mal, que non sempre levamos razón, emprender a reparación é un trazo de humanidade. Restablecer as forzas, o ánimo, descansar logo dun esforzo, comer cando hai fame, encontrar consolo, todo iso é reparar.

Chamo por rescatar esta palabra en todas as súas acepcións: reparemos obxectos materiais, é un acto de resistencia ao imperio do desbaldir. Reparemos no mundo, nas persoas, nas violencias, e encontraremos razóns para empeñarnos na reparación das inxustizas.

Comentarios