Opinión

Regueifa do comercio xusto

Nos días da miña vida / vin rapazas explotadas/ faceren dezaoito horas / de durísimas xornadas. / E de reñan ñan / e de reñan ñan / porque teño corazón / nunca merco en ama...

Á porta do fiadeiro / contan os libros de Historia / das revolucións obreiras / o que gardan na memoria. / No século dezaoito / as nenas de nove anos / fían no fiadeiro inglés / para a exportación os panos. / E tres séculos despois / en nauseabundos sotos / estragan vista e saúde / nenas e rapaces rotos, / para a clientela do Norte / a roupa mercar barato / pechando á vista e á mente / da mocidade o maltrato. / E de reñan ñan / e de reñan ñan / porque se tes corazón / non merques en ama...

Desafío, desafío / desafío da fouciña / cada día máis retén / o sistema de rapina. / Como estuda Thomas Piketty / e antes o señor Don Karl / pagan menos o traballo / fanse con máis capital. / Nin respectan os gobernos / xurdidos de votacións / grandes multinacionais / procurando a explotación. / Aproban normas inicuas / cobran a electricidade / tirada dos nosos ríos / con grande deslealdade. / As doces augas tan limpas / coas macrogranxas estragan / enchendo as leiras de xurro / venden barato e esmagan. / E de reñan ñan / e de reñan ñan / porque quen ten corazón / nunca merca en ama...

Desafío, desafío / desafío da navalla / tenda sen traballadores / ás pequenas asoballa. / Primeiro empezou cos libros / arruinando librarías / e como un burato negro / engole mercadorías. / Mais día a día acapara, / levada pola cobiza, / música, zapatos, roupa, / posa de tenda postiza. / A riders, repartidores / con salarios de miseria / negándolles os dereitos / encerella nunha leria. / Mantendo as traballadoras / en odiosa escravitude / toda rebaixa de custos / estraga a súa saúde. E de reñan ñan / e de reñan ñan / porque temos corazón / non en ama..., non, non.

Ei vos vai o desafío / ao xornalismo amarelo / ei vos vai o desafío / pola punta do coitelo. / Á campaña Roupa Limpa / de Bangladesh aos acordos / para evitar accidentes / non facede oídos xordos. / Ou lexislación ou mortes / incendio ou seguridade / ou dereitos ou diñeiro / ou prezo xusto ou ruindade. / Invocarei Pepa a Loba / Bieito Soto o pirata / para axudaren á xente / que veñan de antiga data. / Cartabón, Lume, Outros contos / Gallaecia, Abrente, Couceiro / hai moitas alternativas / camiñar por ese vieiro. / Talvez non sexa regueifa / pode ser rap ou panfleto / pasquín, libelo ou artigo / que en Nós Diario acometo.

Comentarios