Opinión

Nove reflexións sobre o coronavirus

Unha, S de saúde: o sistema de saúde público é o único que pode ter conta dunha crise desta magnitude. En Galicia e España temos un dos mellores sistemas sanitarios do mundo. Cómpre pedir contas aos gobernos que levan anos detraendo cartos e recursos da saúde pública e transvasándoos á privada.

Dúas, P de pánico: o pánico é inútil e improdutivo.

Tres, D de disciplina: precisamos un chisco de disciplina colectiva. Nese sentido podemos aprender algunhas leccións de China e de como en dous meses están logrando conter o andazo. Algunhas, non todas, pois non podemos sacrificar a liberdade de prensa nin outros dereitos individuais. Coñecín algo da cultura confuciana en viaxes de traballo a Corea do Sur e Vietnam o ano pasado: en xeral a disciplina é valorada, mentres que entre nós ten connotacións negativas. Hai quen considera estupendo ignorar as normas de circulación ou a prohibición de fumar, chegar con retraso ou mercar marisco en veda. Advirto que a indisciplina non ten nada que ver coa rebeldía fronte ás inxustizas.

Catro, C de cooperación: a crise é unha boa oportunidade para desenvolver a solidariedade, así cooperar coa veciñanza ou outros nais e pais para coidar das criaturas durante o peche das escolas. Emocionan as iniciativas de estudantes universitarias ofrecéndose voluntariamente.

Cinco, R de responsabilidade: é esencial un comportamento individual responsábel, atender recomendacións como chamar por teléfono ante os síntomas de contaxio e non ir de contado aos centros médicos, evitando o colapso. Lavar as mans é unha das medidas máis eficaces (e baratas).

Seis, A de acaparamento: somos seres sociais, é necesario compartir recursos. Acaparar máscaras ou roubalas nos hospitais é ruín. Arramplar con montes e moreas de comida ou papel hixiénico nos supermercados é disparatado.

Sete, E de economía: talvez cheguemos a nos contaxiar 60 ou 70% como di Angela Merkel. Porén, o que é seguro son as consecuencias económicas, os danos para as pequenas empresas, especialmente para quen traballan en sectores relacionados con hostalaría ou turismo. Se isto leva a mudanzas dunha economía baseada no turismo, por outra fundamentada na innovación e a industria, sería unha boa aprendizaxe.

Oito, L de libros: que facer con nenos e nenas cando as escolas están pechadas? Hai un artefacto de papel no que están moitos mundos posíbeis. Tamén camiñar polo monte.

Nove, M de médicas e médicos: grazas!

Comentarios