Opinión

Prohibir 'Pegasus'

O capitalismo de rapina que actúa sen freo, a vixilancia do pensamento disidente, a fabricación de mentiras e a súa difusión polos medios, o fanatismo de extrema dereita que menospreza os dereitos humanos, o uso dos corpos das mulleres como mercadoría, todo isto foi anticipado de forma moi precisa en novelas como 1984 de Orwell (1949), Minority report de Philip K. Dick (1956) ou O conto da criada de Margaret Atwood (1985), máis que en ensaios políticos ou filosóficos. Comparadas coas mulleres explotadas como ventres de alugueiro, as criadas de Atwood talvez teñan un chisco máis de autonomía. Comparados con 'Pegasus', da empresa de Israel NSO, o Grande Irmán de Orwell ou a unidade de Precrime de Dick son aprendices.

Esta columna ben podería levar por título (in)seguridade. Pois os mecanismos e programas supostamente deseñados para a protección da cidadanía son utilizados contra ela, contra nós. A escala da vida doméstica, as compañías de "seguridade" que venden alarmas o que fan é traficar cos temores da poboación: no ano 2021 houbo en Galicia 1667 desafiuzamentos, mentres que no mesmo ano as vivendas "okupadas" foron 169, é dicir practicamente a décima parte. Porén, é nos "okupas" no que se centran as mensaxes de medios e empresas. De forma semellante, o programa 'Pegasus' supostamente é utilizado para defender un país dos seus inimigos ou atacantes, mais na práctica resulta un arma contra a propia poboación, disidentes –Khashoggi– ou mesmo contra o propio goberno: canta máis información temos sobre el, máis arrepío nos causa. Está claro que, unha vez posto en circulación, pode ser utilizado tanto por gobernos dun país –para espiar aos seus cidadáns e cidadás–, por gobernos estranxeiros ou por empresas. Segundo informa o xornalista Pedro Vallín, con datos tomados da querela do avogado Gonzalo Boye contra NSO, as características técnicas do programa fan dubidar da legalidade do seu uso, tendo en conta que os datos son enviados á empresa de Israel, non directamente aos "clientes", subtraéndoos así ao control xudicial.

En resumo, 'Pegasus' é un habitante máis das cloacas, que nos fai sentir saudades do anxo Marcelo –que tiña por función algo tan inocente como axudar a aparcar ao ministro do interior Jorge Fernández Díaz–. Por saúde democrática, ademais de investigar quen é responsábel de espiar os móbiles dos independentistas cataláns, é necesario prohibir 'Pegasus', en Europa e no mundo.

Comentarios