Opinión

Prodixios

Os tombos de escuma fervendo en Touriñán o derradeiro día do ano, tal o leite da Vaca de Fisterra. O arco da vella por riba do Pedroso despois da chuvia. Os zocos de Elena Ferro que traía Tere Villar cando veu a Toba, máis verdes que os ourizos das castañas. A lúa chea sobre o areal de Muxía, espreitando o recital do Batallón Literario da Costa da Morte, vinte e cinco anos despois, os poemas de Estevo Creus, martelando, martelando. Inicio do terceiro ano: o milagre diario de Nós Diario. O noventa e dous por cento de persoas vacinadas, éxito da sanidade pública –sen esquecermos países onde faltan vacinas–. O ano no que tanta xente descubriu a intemperiada poesía de Xela Arias; a Banda da Loba cantándoa. Carlos Callón procurando paxaros un domingo, na abertura da boca; Luís Rei Núñez soletreando o dobre réquiem de Oza coas sílabas do mundo; Marga Tojo partíndose como unha froita a arder. Os textos inscritos nas follas do millo verde no verán. O vento na Porta Ventosa, guindando fóra as pequenas ruindades. O orgullo de compartir tempo e país con Ana Peleteiro. A ledicia dos recoñecementos a Xesús Fraga, gañando lectoras para Virtudes e misterios. Os premios a Nación, de Margarita Ledo e as emocións que esperta en nós. As primeiras camelias en decembro. O adeus a Otelo Saraiva de Carvalho, reverdecendo memorias de caraveis. A lembranza da Comuna de París e Louise Michel, as asoballadas mostrando seren posíbeis as derrogacións das inxustizas, as abolicións de leis inicuas. As lontras no Sar, a poucos pasos da catedral, desmentindo as rutinas da cidade. Pensamentos feministas de Emilia Pardo Bazán nos pasos de peóns da Coruña. Os paporrubios regresando ás beiras do Sarela. Os cento cincuenta anos do nacemento da pensadora libertaria máis profunda, Rosa Luxemburgo, a que se describiu a si mesma como un paxaro ou besta con forma humana. O teatro galego, Cigarreiras de Cándido Pazó, Identidade de Nee Barros, a ópera de Quico Cadaval e Fernando Buide. A fortuna de contar cun director tan carismático como Paul Daniel para a Filharmonía de Galicia. As últimas tardes con Xohana Torres. O fiúncho e as rosas ventureiras na auga de San Xoán. Toda a cordura escóase polas costuras, Guadi Galego; aturuxa canda min, Tanxugueiras. Malia doenzas, pestes, mortes, isto e máis trouxo o ano que marchou. Non é agasallo dun deus, vén da natureza ou foi traído pola loita das que viñeron antes. Galicia. Prodixios. 

Comentarios