Opinión

Contra o populismo e “as tripas”

O que ocorreu o día 6 nos Estados Unidos foi un golpe de Estado. Non hai outra definición para unha acción comparábel coa de Tejero; ambas violentas, ambas de extrema dereita. O camiño cara ao asalto do Capitolio foi empedrado polo discurso populista de Trump, que vemos replicado nos seus imitadores en Brasil ou España. O populismo da dereita apela ás tripas, a instintos primarios e á defensa do “noso” fronte ao “outro” ou a “outra”, sexan migrantes, traballadoras estranxeiras, refuxiados que foxen de guerras, persoas que teñen a pel doutra cor, países europeos con máis regulacións, ou feministas que critican o acoso sexual. 

Entendo que na esquerda hai un amplo consenso en rexeitar este discurso. Porén, algúns trazos do populismo emerxen tamén na esquerda; o meu argumento é que se ben o populismo de esquerdas pode levar a recadar máis votos, é letal para o desenvolvemento democrático. Como denunciaba a feminista da Universidade da Coruña Rosa Cobo nun recente artigo, a propósito dos cualificativos de transfobia para calquera crítica á lei trans, estes insultos só poden entenderse “no marco do clima ideolóxico de criminalización do contrario que se foi instalando nas sociedades democráticas ao calor do populismo de extrema dereita”. Noutras palabras, non deben copiarse os métodos da dereita aínda que o fin pretendido sexa moi distinto. O diálogo e o argumento son ferramentas democráticas; colocar unha etiqueta insultante, substituír as razóns polas chamadas a sentimentos primarios non o son. O xuízo de intencións, atribuír motivos inventados a un acto ou decisión doutros, abeira a calumnia.

Parte da estratexia populista de dereitas é tirar lexitimidade ás institucións, sobre todo cando non as gobernan eles. Trump verteu dúbidas e acusacións de fraude sobre o proceso electoral. En España a dereita négase a aceptar a lexitimidade dun goberno PSOE-Podemos que conta coa maioría parlamentaria. O Partido Popular resístese a renovar o Consello do Poder Xudicial, é dicir a cumprir coa Constitución, porque poderían perder o seu control. A esquerda non pode copiar isto. O parlamento galego –gústenos máis ou menos a súa composición– é lexítimo, non é un “parlamentiño de cartón”, e sería acaída unha autocrítica. Podemos criticar actuacións da CRTVG, mais nunca alcumala dun modo que non vou repetir. O mesmo con outras institucións galegas, ou con xornais. O insulto non pode substituír ao argumento.

Comentarios