Opinión

Pilar Ponte: 21 días co galego

Teño a convicción de que, cando algo nos desgusta, o camiño a tomar non é tanto laiarnos, senón actuar para mudalo. O pasado martes Pilar Ponte, profesora no IES da Pobra do Caramiñal, recibía o Premio da Cultura Galega, modalidade lingua, por unha actuación excepcional: iniciar en 2013 21 días co galego –desde 2019 e +–. Pilar preocúpase, como todos nós, pola situación do galego, a perda de falantes sobre todo nas idades máis novas, as consecuencias do decreto de trilingüismo de 2010. Problemas tan visíbeis que levaron mesmo ao comité de ministros do Consello de Europa, na súa xuntanza do 11 de decembro de 2019, a recomendar ás autoridades españolas "Eliminar as limitacións do ensino do galego en Galicia". Actuar, por descontado, é compatíbel con protestar, e cómpre esixir a derrogación dunha normativa que trata a lingua galega como un idioma estranxeiro. As autoridades galegas intentaron quitarlle ferro, alegando que o Consello de Europa non coñece o contexto, ou que a xente en Galicia sabe galego, o problema é que moita non o usa. Estratexias do avestruz. A cerna da cuestión é como favorecer o uso dunha lingua na que os falantes son competentes, e niso hai responsabilidades –sobre todo– do goberno galego, mais tamén de cada unha, de cada un de nós. Sen esquecer o contexto de competencia cunha lingua tan potente como o castelán, que podemos comparar coa de gaélico e inglés en Irlanda onde, malia o apoio do goberno, a porcentaxe de falantes de gaélico segue diminuíndo, e é pouco máis do 10%. Precísanse accións coordinadas, afoutas, innovadoras, para que o galego non se converta nunha lingua ritual, utilizada tan só nas ocasións solemnes. Un camiño é o de 21 días co galego e +, que propón ao alumnado un compromiso: vivir en galego durante tres semanas, utilizándoo en todos os ámbitos, casa, escola, lecer, compras... Recomendo os vídeos nos que reflexionan sobre a súa experiencia, decatándose de que é posíbel vivir en galego. Este ano participan 10 institutos e 4000 estudantes. O obxectivo é máis ambicioso que lograr que mozos e mozas falen galego tres semanas, persegue que continúen falándoo despois, de aí o engadido "e +". Pilar Ponte sinala que un ingrediente esencial é o entusiasmo. Entusiasmar á xente nova co galego, facer visíbel a súa conexión coa cultura moderna, con xente que fai música ou escribe sobre cuestións que lles interesan. Entusiasmo, cariño, velaí a chave.

Comentarios