Opinión

Pepa a Loba: a ovella máis negra

A memoria colectiva non garda todo por igual. Filtro guiado en cada tempo polo pensamento dominante, xebra protagonistas das historias de personaxes secundarias, ovellas brancas das negras, xente de orde de marxinais; preserva historias de homes e relega as de mulleres, agochándoas baixo a poeira do esquecemento.

É así que algunhas mulleres galegas transitan polo territorio de ninguén entre a historia e a lenda. María Castaña liderou unha revolta contra o poder da Igrexa no século XIV; hai abondo documentación sobre ela e, con todo, o seu nome é materia das lendas. Pepa a Loba viviu en tempos máis recentes, e malia as testemuñas que proban a súa existencia real, a idea dominante –defendida entre outros polo meu admirado Antonio Reigosa– é que se trata dun personaxe lendario, ou como moito dun arquetipo.

Intereseime por Pepa mentres escribía As malas mulleres ao encontrar, nunha carta de Concepción Arenal de xaneiro de 1864, unha referencia á súa presenza no cárcere da Galera; debido ao seu carisma acabou sendo unha das protagonistas da novela, e mesmo inventei para ela unhas regueifas facéndoa nacer en Couso. Certo que o libro Juventud de Pepa Loba de Aurelio Miras é unha novela, porén considérase que o autor puido recoller informacións de primeira man na Estrada e contorna. Unha das persoas que segue con máis atención as súas pegadas é Andrea Porto, d'A Banda da Loba; Andrea, despois de ler a novela, compartiu comigo a acta bautismal do 8 de maio de 1835 encontrada por Olimpio Arca no arquivo parroquial de Couso. O cura párroco Domingo Torres bautiza, co nome de Josefa, a filla “de Josefa de Bartolomé, solteira, e de pai incógnito”. Os avós maternos eran Tomás de Bartolomé e Manuela Fernández, de Codeseda, outra parroquia da Estrada, de onde son as irmás Porto Mato, Andrea e Marcela, integrantes d'A Banda da Loba, xunto con Xiana Lastra, Estela Rodríguez e Inés Mirás. 

Tampouco temos moitos datos da breve vida do pirata Benito Soto, e non se pon en dúbida a súa existencia. Talvez outras mulleres que, como Pepa, roubaban a caciques e cregos, adoptaran o seu nome, o que explicaría que grande parte de Galicia estea inzada de historias da Loba.

Persoa real, merece converterse en lenda mais sen negarlle un papel nas historias, na Historia do século XIX. Non é estraño que fose escorrentada para as marxes, para a escuridade: Pepa a Loba é a ovella máis escura, a máis descarreirada de todas. 

Comentarios