luns 30/11/20

Paul Celan, o poeta, o tradutor

Paul Antschel que adoptaría o nome de Celan (anagrama de Ancel o seu apelido en romanés), naceu en Cernauti, capital da Bucovina, o 23 de novembro de 1920. A Bucovina, nomeada así polas faias, buc, formaba parte daquela de Romanía e agora de Ucraína. Desde a súa infancia viviu nun ambiente polifónico, multilingüe, mesmo na familia na que o alemán era a lingua nai, de uso, malia ser xudeus, como metade da cidade. A nai, empeñada en que dominase o alemán, enviouno a unha escola alemá onde aprendeu a ler, mentres o pai facíao seguir aulas de hebreo; no ensino secundario a lingua vehicular era o romanés. Tamén aprendeu francés na súa mocidade e máis tarde ruso e inglés.

Para Celan traducir é unha paixón, traducindo fai seus poemas doutros ao tempo que a súa propia poesía dialoga con Rimbaud, Robert Desnos, Pessoa, Shakespeare, Emily Dickinson ou Mandelshtam. Traduciu desde sete linguas, corenta e tres poetas, dos que uns vinte eran asemade tradutores. Celan é en si mesmo un paradoxo, xudeu que escribe en alemán, lingua nai, lingua da súa adorada nai, á que nunca renunciou nin sequera despois de seren os seus pais asasinados polos nazis.A lingua da súa nai é a lingua dos verdugos. É a súa unha palabra ferida, atravesada pola traxedia da segunda Guerra Mundial, pola persecución dos xudeus, pola desaparición da súa cidade natal tal como a coñecera, polo exilio. Instalado en París, foi vítima de frecuentes depresións, suxeito aos inhumanos tratamentos da época como electrochoques. O 20 de abril de 1970 suicidouse, lanzándose ao Sena desde a ponte Mirabeau, nun acto anticipado anos antes no poema “E co libro de Tarusa”, no que emerxe a voz de Marina Tsvetaeva; Tarusa é a cidade da infancia da poeta rusa, a que por certo Celan non traduciría. O poema iníciase coa cita “todos os poetas son xudeus” de Tsvetaeva que, ao contrario de Celan, non o era. O seu compromiso coa liberdade expresouse en accións de apoio á República durante a guerra civil, incluíndo o lema “No pasarán” en castelán en dous dos seus poemas.

A tradución é en Celan inseparábel da escrita, forma parte dela. Consideraba traducir ao alemán Mandelshtam –tamén xudeu, tradutor, que morrería en Siberia tras ser deportado por Stalin– tan importante como escribir os seus propios poemas. O apelido, amendoeira, resoa nos seus textos; á súa memoria está dedicado “A rosa de ninguén”: “Cara onde me esboroou a palabra que era inmortal”.

comentarios