Opinión

Parabéns ao profesorado de ciencias

O alumnado galego acada o primeiro lugar nas competencias científicas avaliadas en PISA. Con 510 puntos sitúase por riba da media estatal, 483, e da OCDE, 489. Cómpre dar os parabéns ao profesorado galego de ciencias, en grande parte asociado a ENCIGA, Ensinantes de Ciencias de Galicia. ENCIGA creouse –creámola– en 1988 co obxectivo de mellorar o ensino das ciencias e impulsar a investigación educativa. Trinta anos despois vaino acadando: en Galicia hai unha manchea de centros de infantil, primaria e secundaria que traballan por proxectos, que toman en serio a innovación educativa, que consideran o alumnado protagonista da súa aprendizaxe.

Unha minoría significativa, non todos, pois as mudanzas sociais que supoñen rachar con rutinas establecidas levan tempo, sobre todo nun contexto no que a administración educativa parece empeñada en retirar recursos do ensino público e maltratar o profesorado. Galicia sitúase tamén á cabeza da investigación sobre a aprendizaxe das ciencias, sendo os artigos máis citados de autoría galega, e as investigadoras de máis impacto de universidades do país.

Os bos resultados non son atribuíbeis a méritos do goberno galego, como deu a entender Feijoo no seu discurso de fin de ano. Dicir que Galicia conta agora con "medios e recursos humanos e materiais que nos equiparan cos países máis adiantados" parece unha burla, cando os datos indican que hai menos docentes que antes da crise, que cada ano son pechadas escolas no rural, que os equipamentos están baixo mínimos, que o número de horas de clase aumentou. Por todo isto o profesorado foi á folga o 12 de decembro.

O que sorprende é que os sindicatos, de CIG e CCOO a ANPE, en troques de criticar a Feijoo, critiquen o informe PISA, esgrimindo unha mestura de clixés, descoñecemento do que é PISA e afirmacións sen fundamento. Dicir que PISA está orientado a que o goberno "estea contento", non ten sentido: a avaliación realízase en 72 países con gobernos de moi distinto signo. Afirmar que é "unha farsa" ou que serve "para controlar o profesorado" é confundir allos con bugallos. Discutir a avaliación PISA excede o espazo desta columna. Entre os seus aspectos positivos está avaliar a aplicación de coñecementos, non a memorización. Os datos dunha comunidade son resultado de interaccións entre moitos factores, sendo crucial o profesorado. Aledémonos de que Galicia estea de primeira no canto de quitarlle importancia.

Comentarios