Opinión

Para que serve un rei?

Para que serve un rei (ou unha raíña)? Eu, que son republicana, creo que para nada. A monarquía é unha institución arcaica que debería ser substituída por unha forma máis moderna, como é a presidencia da república. A coroa transmítese polo “sangue” á descendencia biolóxica, o que é só un chisco menos primitivo que decidir xefaturas nun duelo a mocazos. Os méritos e capacidade dunha herdeira ou herdeiro non se contrastan cos doutras persoas, sendo pouco razoábel supoñer que simplemente por levar os xenes do rei anterior vai ser a persoa adecuada para presidir un estado. Como dixo esta semana a inigualábel Maruja Torres nun chío sobre os Borbóns “un día os substituirá unha familia de linguados e non notaremos a diferenza”. Eu engadiría que os linguados teñen a vantaxe de non seren corruptos. Un pequeno repaso histórico pode mostrar que, de transmitirse algo nesta familia, son as prácticas corruptas e o desprezo polo constitucionalismo, por exemplo Fernando VII despois do seu regreso a España en 1814 evitou asinar a constitución de 1812, derrogándoa e reinstaurando o absolutismo. Na constitución de 1978 introduciuse de contrabando a monarquía como forma política do estado, unha decisión de tal entidade que debería ser obxecto dun referendo.

As actuacións do rei Felipe nesta semana son unha proba máis da inutilidade –ou peor – da monarquía. O comunicado do día 15 confirma o que era un segredo a voces, que Juan Carlos ten cartos en paraísos fiscais e a orixe delituosa dese diñeiro. Tanto o comunicado, como o discurso do día 18, sen unha soa mención a este escándalo, indignaron á cidadanía de tal modo que a cazolada soou máis alto que a voz de Felipe. Despois de semanas sen facer declaracións públicas sobre a gravísima crise do Covid-19, aproveitar que a atención pública está centrada na pandemia para intentar distanciarse do seu pai é percibido como unha manobra. No discurso louvou a sanidade pública, porén el e toda a súa familia frecuentan a privada. En clínicas privadas naceron as súas fillas e foi atendido o seu pai. Volvendo á pregunta do comezo, se un rei vale para roubar impunemente, para facer negocios utilizando o seu posto coa tranquilidade que dá saberse inviolábel, para ocupar el mesmo e as súas amantes casas que pertencen a patrimonio, é hora de nos desfacer da coroa. Mentres, que o emérito devolva eses millóns e que sexa desafiuzado da Zarzuela, que é patrimonio público.

Comentarios