Opinión

Palabras en voo

Digo: desterrida, roñazo, sansenicar, alabadizo, sancorromanco, abaticar, arritó.

“Vas levar un soco nos busos” É unha expresión de Toba que, como outras neste artigo, recolleu Susana López Facal na súa tesiña publicada en 1975. Traduzo ao galego normativo: “Vas levar unha lapada nos fuciños”. No galego normativo “fuciños” escríbese con “o”, aínda que en Toba e en toda a Costa da Morte dise fuciños, nuite, cucido e cuitelo. Ten busos ou beizos grosos quen é fuciñudo. Pronunciado con seseo e gheada, por descontado.

Non todas as palabras usadas en Galicia encontraron o seu lugar no dicionario da RAG –case todas as que cito arriba si están no de Isaac Estraviz–; vanse incorporando máis a medida que son discutidas no seminario de lexicografía, dando prioridade ás máis frecuentes. Esta semana participei nunha conversa en twitter na que Helena Villar Janeiro, Manuela Iglesias Cid, Carme Villar e Chousa da Alcandra, entre outras, defendían doces palabras das súas aldeas ou lugares: mao ou mau, irmao ou irmau, vrao ou vrau non están no dicionario. 

Ao ser recoñecida como lingua oficial, ao ser ensinada e dotarse de normas ortográficas –conquistas que non foron agasallos, gañáronse a través das loitas–,  o galego enfrontouse aos dilemas da escolla. Ser oficial, non só ensinada senón utilizada como vehículo para aprender ciencias, historia, matemáticas, ten un prezo. A elección como preferentes de certas formas parécese a cortar pólas dunha árbore para que outras formen unha copa harmónica, deixa unha ferida. Fieita ou fento? Folgueira ou fieito? Nos portos galegos hai peixes chamados de vinte ou máis formas distintas. 

A ferida non é exclusiva do galego. Todas as linguas pasaron por este proceso de unificación. Bernardo Atxaga escribiu o poema “Tximeleta reggae” empregando unha das cen formas que o éuscaro posúe para nomear as bolboretas: pinpilinpauxa, falfala, aitamatatxi... 

En Toba conxúganse así os verbos: deixés, sén (no canto de sei), merendén, andás. En Toba e na Costa da Morte, así desde Ponteceso escribía Eduardo Pondal: “Feros corvos de Xallas / que vagantes andás”. Hai tamén palabras que, estando no dicionario, apenas son usadas, é o caso de asañarse, que Rosalía de Castro emprega no “Conto gallego”, conxugándoo desa forma fisterrá “se non vos asañás”. 

Malia non ser ensinadas, non ser capturadas nas caixiñas dos dicionarios estas palabras seguen remontando o voo como as tximeletas. 

Comentarios