Opinión

Otelo Saraiva de Carvalho

C on que ledicia recibimos en Vigo o 25 de abril de 1974 as novas da Revolução dos cravos. Enchíanos de esperanza en que a ditadura franquista sería derrubada axiña, igual que a de Salazar. Agardabamos que a execución de Salvador Puig Antich, no mes de marzo, non se repetiría, e sobre todo agardabamos un proceso revolucionario que restaurase a legalidade crebada polo golpe de estado de 1936, que reparase a memoria das vítimas e tirase os seus cadáveres dos foxos. Aínda Franco fusilaría o 27 de setembro de 1975 tres membros do FRAP, os vigueses Xosé Humberto Baena e José Luis Sánchez-Bravo, e mais Ramón García Sanz, e dous de ETA, Juan Paredes Manot, Txiki, e Ángel Otaegi. Cómpre repetir os seus nomes para non seren esquecidos. Aínda estamos á espera da anulación dos xuízos pola que as familias, nomeadamente Flor Baena, levan batallando corenta e cinco anos. A democracia é infinitamente mellor que a ditadura, porén, as consecuencias dun proceso que deixou en pé estruturas de poder, aínda están á vista, por exemplo nos corpos nas gabias. 

Otelo, revolucionario, estratego militar, líder carismático, que acaba de falecer, será lembrado como un dos esteos do 25 de abril. Quero poñer o foco na súa toma de conciencia no contexto da guerra colonial, en Angola e na Guinea. Otelo, igual que outros capitáns de abril do MFA, ergueuse contra a metrópole, contra o seu propio país, consciente das inxustizas cometidas contra os países africanos colonizados.

Ese é o verdadeiro patriotismo, un amor ao país que non impide ver os seus erros e a necesidade de mudalos. Distinción moi necesaria en tempos de patriotismos de pacotilla, de supostos patriotas que non pagan impostos e teñen os seus negocios radicados nos chamados paraísos fiscais. Otero e os capitáns de abril estaban comprometidos co seu país, como o estaban, no estado español, os militares da UMD (Unión Militar Democrática), fundada por tres comandantes, Otero, Busquets e Reinlein, e nove capitáns, entre eles o galego Xosé Fortes Bouzán. Detidos e procesados os seus dirixentes en 1975, expulsados do exército, o cativo proceso da transición non recoñeceu as súas achegas, houbo que esperar a 2009 para unha declaración institucional. Calquera deles sería un máis digno xefe dos exércitos que o emérito, ocupado en cobrar comisións, agochar cartos en contas opacas e andar nas malas compañías de monarcas déspotas. Para cando unha investigación?

Comentarios