Opinión

Orgullo, armarios

Adoro es amigues trans que como e brillante investigadore de didáctica das ciencias e das súas interseccións co racismo e a xustiza social, Rishikaye Krishnamoorty, en Pensilvania, ou Nee Barros en Galicia, festexan o día do orgullo recoñecendo explicitamente nas súas contas de twitter o que até non hai moito tempo pertencía ao non-dicíbel. E as primeiras persoas que en Galicia, desafiando a incomprensión, os insultos, celebraron abertamente os amores homosexuais, como María Xosé Queizán.

Amo gays e lesbianas que, sen negar as súas opcións amorosas e sexuais, non fan delas o centro do seu perfil público. Pois as nosas identidades son complexas, múltiplas, e unha muller pode, poño por caso, ser escritora, feminista, autora dramática, lesbiana, intelectual, nacionalista, sen que unha desas identidades teña que escurecer as outras. Con quen facemos o amor é parte da nosa vida, mais non o único que merece atención. Quero e respecto tamén as persoas que deciden non saír do armario, ou non facelo de momento. Por distintas razóns, desde o desacougo que podería causar á familia ao desexo de preservar a intimidade. Pois aínda que, seguindo a Kate Millett, sabemos que o persoal é político, podemos non desexar que os focos sobre o que facemos, escribimos ou somos ilumine unicamente o persoal.

Temos moito camiño por percorrer, mais os pasos dados son grandes. As vidas doutras, doutros, foron esnaquizadas por unha ideoloxía (patriarcal) que castigaba as disidencias. Oscar Wilde que escribiu do "amor que non se atreve a dicir o seu nome" foi sentenciado, en 1895, a dous anos de cadea por "indecencia"; morreu pobre e excluído en París poucos anos despois. Sylvia Beach e Adrienne Monnier, libreiras e editoras de Ulises en 1922, deberon manter agochada a súa relación. En 1949, Pier Paolo Pasolini, do que celebramos este ano o centenario, perdeu o seu traballo de profesor e foi expulsado do Partido Comunista italiano debido á súa homosexualidade. Alan Turing, o matemático que descifrou os códigos nazis, foi obrigado a sufrir castración química e suicidouse en 1954. En Galicia, Eduardo Blanco Amor era marxinado debido á súa homosexualidade.

En 2022 hai forzas, gobernos, partidos, medios e xuíces que pretenden mover para atrás o reloxo da historia. Os dereitos conquistados, nas leis e nas representacións sociais, poder ser anulados, como o do aborto nos Estados Unidos. Temos que continuar defendéndoos.

Comentarios