Opinión

Olga, Alba, Senín

Na xeira de 2020 a colleita de premios nacionais para a literatura galega está sendo farturenta. O 15 de outubro Olga Novo acada o de poesía con Feliz Idade, libro conmovedor, a caste de poesía que, como di Olga na carta limiar, é un acto radical de vida.

Debullando o fío entre o pai e a filla, a “raíz que non te ata”, constrúe a poeta un dos textos menos convencionais sobre a maternidade que imaxinarse poida, desexándolle á filla “que te enroscases aos enxertos do pracer e medrases / coma unha planta carnívora de min”. Mais nada do que escribe Olga Novo é convencional, desde a teta sobre o sol, publicada en 1996 nunha das marabillosas carpetas das Edicións do Dragón, reeditada en 1999 por Letras de Cal: “Muar, muar coma o ventre dunha vaca / que precisa do orgasmo coma un facho”. A partir de 1997, ano de Nós nus, foi agasallándonos con poemarios cada sete anos, ritmo de sete que a autora invoca no limiar. Feliz Idade non é convencional, mais está destinado a ser un clásico.

Nacida dúas veces sete anos despois de Olga, Alba Cid era galardoada cinco días máis tarde co Miguel Hernández de poesía nova por Atlas. Escoiteina recitar por vez primeira en 2016 no seminario Ecoficcións organizado por Manuela Palacios, acompañando os poemas cos seus debuxos de animais. Alba ten múltiplas identidades, crítica, investigadora, artista gráfica, poeta, talvez no futuro nos sorprenda con máis. É autora das ilustracións dos poemas para nenas e nenos d'A pel do mundo, de Berta Dávila, libro de viaxes imaxinarias no que conflúen os intereses de ámbalas dúas polas desigualdades entre países, polas persoas migrantes. Nada importa se as viaxes cara ás que Alba Cid turra de nós en Atlas ocorreron ou non. Se as chamadas historias apócrifas que encabezan tres dos ciclos son verdadeiramente apócrifas ou son un xogo de espellos no que fai pasar verdade por mentira; ben sabemos a poeta ser unha finxidora. Finxir e traizoar, falar coas palabras doutros, o que facemos ao traducir, trouxeron o terceiro premio nacional nun mes, a Xavier Senín polo conxunto da súa obra de tradución ao galego. É unha ledicia para quen consideramos traducir como unha das formas que adopta escribir. Ademais dunha obra extensa como tradutor, que revela unha atención de ourive ás palabras, Senín é un activista polo recoñecemento deste tipo de escrita, desde a Asociación de Tradutores. Da man dos tres, longa vida á literatura galega.

Comentarios