Opinión

O medo é un andazo

“Na vida non hai que temer nada, hai que comprender todo. É tempo de comprender máis para temer menos”. Díxoo Maria Sklodowska-Curie, unha muller destemida, que traballou de institutriz para pagar a súa viaxe e estudos en París, ao estar prohibido en Polonia –como noutros países no século XIX – o acceso das mulleres á universidade. Antes, en 1885, participou na Universidade Voante, ilegal, en cursos clandestinos en oposición ao imperialismo ruso; isto require non ter medo, ou actuar a pesar do medo. Comezou a traballar con Pierre Curie, con quen casou, e el abandonou a súa liña de investigación para seguir a dela. En 1903 recibiu o Premio Nobel de física, mais non é tan coñecido que a proposta da Academia Francesa de Ciencias só incluía Becquerel e Pierre; este tivo que intervir para Maria ser incluída. Ao morrer Pierre atropelado en 1906 converteuse na primeira muller profesora na Sorbona, contribuíndo á participación de mulleres nas investigacións. En 1911, ao tempo que recibía un segundo Nobel de química, sufriu un acoso machista e xenófobo da prensa pola súa relación con Paul Langevin, era “a polaca que vén rachar unha boa familia francesa”. Morreu en 1934 dunha leucemia provocada pola exposición ao radio.

Non podemos saber o que diría sobre o coronavirus, mais é probable que subscribise as recomendacións da OMS, a idea de que isto, de momento, non é unha pandemia. Ela, que padeceu a xenofobia, consideraría unha ruindade os ataques e o boicot a persoas polo mero feito de seren chinesas ou descendentes de chineses. Lembraría que cada ano morren entre 300 000 e 600 000 persoas pola gripe, mentres que o novo virus causou algo máis de 2 000 mortes. O coronavirus ten unha alta capacidade de contaxio, mais a súa letalidade é moi inferior a doutros. Algunhas reflexións sobre a forma en que pasou de animais a humanos: en Wuhan, como noutros lugares, hai un mercado de animais non domésticos, entre eles morcegos, serpes, o fermoso pangolín. Atribúense a algúns deles, por exemplo ás escamas do pangolín, propiedades medicinais ou afrodisíacas. Estas capturas, nun contexto de aumento do poder adquisitivo, están conducindo á extinción de especies como o pangolín. No Sueste asiático, en decembro, escoitei unha descrición arrepiante de homes –só varóns– que se reunían para comer serpes e beber o seu sangue. Hai que temer máis a ignorancia, as supersticións, e non as persoas estranxeiras.

Comentarios