Opinión

O hiyab queimado

Mahsa, irmá, ti es o facho que prendeu o incendio nas rúas de Irán. De Teherán, onde fuches asasinada por unha "Policía moral" xurdida das páxinas de Orwell. De Saqqueb no Kurdistán, onde naceras, Jina é o teu nome kurdo. Arden as rúas coa ira das mulleres arrincando o veo, queimándoo, arden as redes sociais con vídeos de mulleres, de mozas cortando o cabelo, mesmo rapándoo en desafío ás leis. O desafío das mulleres e non só, hai directores de cine arrestados, aos que se prohibiu dirixir películas ou viaxar, como Jafar Panahi, hainos que denuncian a represión no país como Asghar Farhadi a pena de morte en Sábeno todos, o patriarcado, Saeed Roustayi n' Os irmáns de Leila. A opresión exprésase formalmente nas leis, mais tamén na sociedade e na familia, así o asasinato do director Babak Khorradim a mans do seu propio pai nun dos terríbeis "crimes de honra".

O brutal sometemento das mulleres responde ao fanatismo relixioso: o hiyab –como o burka– é un símbolo, mais hai outras prohibicións: as mulleres non poden montar en bicicleta pois os seus movementos teñen o potencial de "provocar" os homes. Esta idea presupón, tanto na relixión islámica como no xudaísmo e no cristianismo, por unha banda que as mulleres son a fonte do pecado, pola outra que os varóns son bestas incapaces de refrear os seus impulsos, e ante unha muller co cabelo descuberto ou uns centímetros menos de pano ou de saia, non teñen outra que violala. A tradición ou a cultura non poden ser desculpas para maltraer mulleres, como non poden selo para maltraer animais. Son moitas as tradicións nas que callan prexuízos, ou que constitúen ferramentas de opresión, xustificándoa. As mulleres non levan o hiyab por propia vontade, demóstrao a morte de Mahsa Amini, aínda que parte delas argumenten que queren levalo por constituír un sinal de identidade, igual que hai mulleres noutros países convencidas de que o seu papel na sociedade é secundario e limitado ao ámbito doméstico. Isto non significa que se prohiba o veo ás estudantes, o que é contraproducente. Cómpre ler e escoitar as feministas de orixe musulmá, como Hakima Abdoun, de Marrocos, Ebbaba Hameida, do Sáhara, ou a melillesa Mimunt Hamido, que critican o veo. Irán ten unha longa tradición de loitas pola democracia, noutras décadas as mulleres levaban a cabeza descuberta e gozaban de máis liberdades, eliminadas polos aiatolás. O valor das mulleres iranianas é admirábel.

Comentarios