Opinión

O bravo e o salvaxe

Bestas bravas, porco bravo, gato fero. Así é como se falou sempre en galego dos animais no monte. Tamén cabalos bravos, aínda que bestas era máis habitual, para os cabalos, non para as vacas. Nunca foron chamados "cabalos salvaxes" nin gato ou xabaril salvaxes. Por non falar de "robaliza salvaxe" ou "plantas salvaxes". As traducións literais, os calcos, empobrecen a lingua: certo que en inglés só posúen "wild" para os distintos significados que nós damos a (besta) "brava", (flores) "ventureiras", (plantas ou animais) "silvestres", (feras) "salvaxes"; algo semellante ocorre en francés co termo "sauvage". Non vou entrar na discusión de por que no dicionario "salvaxe" aparece como sinónimo de "silvestre", o meu argumento é que dispoñer de distintos termos con significados que poden solaparse, mais teñen distintas connotacións, é un patrimonio, unha riqueza á que non debemos renunciar. Indígnome cada vez que vexo ou escoito nun restaurante o de "rodaballo salvaxe", teño desexos de discutir coa camareira –que sen dúbida non ten culpa– de preguntarlle se cre que o coitado rodaballo posúe innúmeras fileiras de dentes, como unha quenlla, e vai choutar do prato para meternos unha trabada. E suxiro que un libro de recente publicación debería titularse "Animais bravos nas cidades". Pois en galego "bravo" ou "brava" ten a connotación do que non está domado, así o recoñecen desde contos populares a producións teatrais recentes, como As fillas bravas de Momán, de Chévere, tres pandeireteiras que contan e cantan o que lles peta, o que aprenderon das súas nais e avoas. Porén "salvaxe" evoca a violencia dos brutáns. A robaliza non se comporta violentamente, nin sequera cando lle cambian o nome polo de "lubina"; os esquíos que se aventuran polos claustros de Compostela son máis ben pacíficos, até os porcos bravos que pasean de cando en vez pola muralla de Lugo non pretenden causarnos temor. Dispoñendo dunha palabra tan fermosa como "ventureiras", non ten perdón quen fale dun ramallo de flores "salvaxes". Contradicindo o título de Follas novas, Rosalía afirma que ese "ramallo de toxos e silvas" son "feras, como a miña dor". Non cabe imaxinala falando de que as súas follas novas eran "salvaxes". Invoco Rosalía e todas as mulleres bravas que nos precederon, invoco as flores ventureiras, toxos, queiroas, invoco o tesouro da lingua que só ha seguir vivo se o arrolamos día a día coa lingua e a pluma.

Comentarios