Opinión

Nostalxia dos grillóns?

Concepción Arenal, de quen celebramos o segundo centenario, pediu a eliminación dos grillóns cos que se aferrollaban os presos. Como en tantas propostas da ferrolá, adiantadas ao seu tempo, houbemos esperar a 1931 para Victoria Kent a levar á práctica. Nun acto simbólico, Kent mandou fundir grillóns, cadeas e ferros tirados dos cárceres converténdoos nun busto de Arenal. Que grillóns remite a escravitude ofrece poucas dúbidas. Di Rosalía en Lieders: “o patrimonio da muller son os grillóns da escravitude.”

Porén, a unha e outra banda do Atlántico, hai quen sente nostalxia dos grillóns. A deputada de Vox Macarena Olona asegurou que “si hay justicia, a este ministro (Marlaska) serán los mismos agentes quienes le pongan los grilletes por prevaricación”. Sen entrar en se hai máis prevaricación en cesar un cargo de libre designación que en elaborar un informe cheo de mentiras, preguntámonos se habería ferro abondo para cargar de grillóns a tanto condenado por prevaricación, fraude, suborno, desvío de cartos públicos ou roubo. Mais a cuestión é que eu, seguindo a Concepción Arenal, son contraria aos grillóns, considéroos restos do pasado, como as execucións públicas ou o garrote vil.

Oíra falar deles, lera de prisioneiros con grillóns en novelas como O conde de Montecristo, mais confeso que imaxinaba algo non moi pesado, estilo as esposas nos filmes negros. Vinos no Museu da Escravidão na Casa dos Contos –onde se cuñaban moedas– en Ouro Preto, Brasil. No soto dese antigo predio, a senzala onde vivían os escravos, hai unha colección de obxectos relacionados coa escravitude. Arrepía ver os enormes aros de ferro para pulsos, pernas e pescozo, os cepos, as cadeas, as romanas para os pesaren. Tan terríbeis ou máis son os anuncios de prensa de escravos fuxidos, descritos como animais. Nos Estados Unidos a morte de George Floyd, asfixiado por un policía, apunta a quen, a falta de grillóns, usan o xeonllo sobre o pescozo dos negros para afirmar a súa superioridade. O racismo latente é un problema sen resolver nun país onde unha paseante por calquera cidade, mesmo Nova York, ten dificultades para encontrar pares ou grupos mesturados. Hai rapazas negras con rapazas negras, brancas con brancas, ou namorados da mesma cor. Resístome a usar “raza” por non existiren razas humanas. Sen igualdade de oportunidades, sen xustiza para a xente afroamericana, quen o vai resolver non son os nostálxicos dos grillóns.

Comentarios