Opinión

Non son iguais

Unha campaña mediática –outros chaman directamente ao golpe– difunde a idea de que o mellor para España, nesta crise, sería un grande acordo, polo que entenden un goberno conxunto PP-Psoe, dirixido por un líder “sensato”. Nótese que non propoñen isto en Galicia, gobernada polo PP, nin en Andalucía e Madrid, por alianzas PP-Ciudadanos-Vox. O argumento é que, mentres a cidadanía sofre graves problemas, “os políticos” dedícanse a rifar entre eles, ás súas liortas. A mensaxe é que todos son iguais, apropiándose dun lema do 15-M, “non nos representan”.

O argumento no que se basea, non sempre explícito, é que o goberno de esquerdas Psoe-UP é ilexítimo. En Galicia coñecemos ben este discurso, empregado contra o bipartito Psoe-BNG. A dereita cre ser o goberno do seu exclusivo patrimonio; calquera outro partido que goberne é un usurpador. Pouco importa que proceda dunha maioría no parlamento, único sistema para formar goberno nunha democracia constitucional. Ou que sexa matematicamente imposíbel unha alternativa de dereitas. O substancial é que estes partidarios do golpe brando non queren que se derroguen a reforma laboral nin a lei mordaza, nin que as grandes fortunas paguen impostos máis altos, nin que se dialogue co goberno e os partidos cataláns; están en contra que se avance na igualdade ou de medidas como a renda mínima vital. Para conseguir os seus propósitos adoptan a máxima “o que digo tres veces é certo” que os ingleses chaman a síndrome do Snark, polo libro de Lewis Carroll, adaptada por Goebbels, ministro de propaganda nazi: “unha mentira repetida mil veces convértese en verdade”.

Unha mentira na que teiman, debido ao seu odio ao feminismo, é que a manifestación do 8-M de Madrid xogou un papel crucial no contaxio do coronavirus. E o mitin de Vox ese mesmo día en Vista Alegre, con Ortega Smith xa infectado logo dunha viaxe a Italia? E os partidos de fútbol? E o partido de baloncesto no Wizink Center de Madrid con 15.000 asistentes? Repetilo mil veces non chegaba e conseguiron que unha xuíza encargase á Garda Civil un informe que transforma un bulo nun monumento á manipulación. Malia os erros que puidera cometer o goberno, malia o estilo milhomes de Iglesias, o certo é que non son todos iguais. Esta semana hai dous anos que comezou na CRTVG a protesta Defende a Galega, reivindicando uns medios públicos independentes e sen manipulación. Unha mostra de como goberna a dereita.

Comentarios