Opinión

Ninguén é perfect@

A divertidísima película de Billy Wilder Some like it hot, da que prefiro a tradución portuguesa do título, Quanto mais quente melhor, á boubaría da española (Con faldas y a lo loco, supoño que por problemas dos censores coa quentura), acaba cunha frase inesquecíbel. Jack Lemmon, disfrazado de muller, tira a perruca, dicíndolle a Joe E. Brown que non pode casar con el porque é unha muller, ao que Joe responde: “Ninguén é perfecto”.

É unha frase que debería estar inscrita na pantalla de arrinque dos ordenadores das científicas, xornalistas, políticas, críticas literarias e algunhas persoas máis. Porque na vida case nada é perfecto, case nada é en branco e negro, case nunca podemos tomar unha decisión que só traia beneficios e non riscos. Quen temos formación en ciencias e nos interesamos pola forma en que se constrúe o coñecemento científico, sabemos ben que a incerteza é inseparábel da ciencia. Os saberes científicos representan, en cada momento, o que máis se axalda ás probas dispoñíbeis. Poden aparecer novas probas, ou pode mudar a forma de interpretalas, e entón os saberes cambian. O único inamovíbel son pseudociencias como a homeopatía ou a astroloxía, que non se fundamentan en probas e por tanto non teñen por que mudar.

Xa que logo, as vacinas non son perfectas. Non teñen o cen por cen de efectividade, sendo alta; poderían ter algún efecto secundario, aínda que os da vacina da Covid parecen infrecuentes. Mais a historia leva moitos anos demostrando que as vacinas son unha das ferramentas que permitiron á humanidade erradicar doenzas terríbeis como a varíola, ou reducir ao mínimo a poliomielite. Na decisión entre vacinar ou non, as vantaxes de facelo son incomparabelmente maiores que os riscos. Os argumentos dos anti-vacinas non resisten a máis mínima análise.

Dun modo semellante creo que a actuación da Unión Europea no asunto das vacinas, podendo mellorar en aspectos como a transparencia, permítenos estar nunha situación máis favorábel que se cada país debese negociar pola súa conta cos especuladores da industria farmacéutica. Ás veces dá a impresión de que toda institución, faga o que faga, debe ser criticada, mais nunca, nos últimos oitenta anos, tiveron que enfrontar unha crise como esta. Na miña opinión o problema, máis que Europa, é o sistema capitalista que converte todo, incluído a saúde en materia de negocio. Ninguén é perfect@, mais o capitalismo é peor que un andazo.

Comentarios